Renda Básica das iguais: construíndo comunidade para desbordar o capitalismo

Cadernos para saber máis e debater mellor. Este é o lema do suplemento deBullando recollido en Irimia, a revista quincenal de crentes galegos. O caderno nº4 que saíu do prelo neste mes de maio está dedicado á Renda Básica das iguais.

Aquí tedes o monográfico sobre a Renda Básica das iguais escrito polo compañeiro de Baladre, Manolo Saez Bayona.

Renda Básica das iguais: construíndo comunidade para desbordar o capitalismo

Desde onde partimos?

Foi en 1984, na cidade de Gasteiz, onde a Asemblea de Paradas desa cidade, tras tres meses de peche na Igrexa de San Miguel (de novembro a febreiro), decide saír daquela loita polos dereitos máis básicos e elementais, propoñendo o Ingreso Social Universal, que máis adiante se foi denominando Renda Básica. Esa Asemblea de xente desempregada sacaba do armario unha ferramenta para loitar contra a riqueza e as súas consecuencias, o empobrecemento, entre outras. Pero colocaba no centro das súas loitas e buscas a PERSOA.

Facíano tras estudar textos de colectivos feministas alemáns, do movemento antimilitarista, de Ramón Fernández Durán, libriños como Del paro al Ocio e moitos máis de André Gorz ou doutros. Lecturas e debates que acompañaban unha práctica diaria de loita e vida, esixindo o acceso aos recursos básicos para poder manter e reproducir a súa vida.

Foi o resultado de comprender os límites do absurdo crecemento económico e o desenvolvemento sen límites; de propor o peche de fábricas e industrias socialmente inútiles e indesexables, como as de armas e outras moitísimas, ata chegar a entender a importancia de soster a vida desde o traballo, a relación humana, a comunidade e o apoio mutuo, e non desde o emprego.

Os oitenta foron os anos do peche masivo de empresas no Estado español, a demanda da que se chamaría máis adiante (1992, tralo Tratado de Maastricht) Unión RENDA BÁSICA DAS IGUAIS: construíndo comunidade para desbordar o capitalismo Europea: case tres millóns de empregos se perderon naqueles anos, que nunca máis regresaron, nin se esperan. Pouco a pouco, a realidade da precariedade laboral e a desprotección social impostas pola Unión Europea foron xerando maior desigualdade social: as persoas ricas son cada vez máis ricas e as empobrecidas somos máis. Os barrios periféricos convértense en depósitos humanos de NON vida. O medio rural abandónase, pasando a ser un lugar de descanso e goce da xente da cidade. A agroindustria faise co mercado dos alimentos, rompendo coa produción das labregas de pequenas e medianas producións.

E nos noventa aparecen as Rendas Mínimas de Inserción (RMI), que a Unión Europea propón como saída a un desemprego estrutural. No Estado español estas rendas mínimas toman formas diferentes, desde a da comunidade autónoma do País Vasco, que é unha copia literal da RMI francesa, a simulacións como a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), que non fan máis que disfrazar as históricas Axudas de Emerxencia Social con outro traxe, sen cambiar substancialmente nada.

RISGA versus Rendas Básicas

A RISGA, coma o resto de Rendas Mínimas de Inserción, simuladas ou non, nacen para manter a centralidade dun emprego inexistente. Formúlanse como a posibilidade de acceder a uns moi mínimos recursos por parte daquelas unidades familiares que están en situación de pobreza extrema e severa. A formulación é clara: mentres non atopas emprego, tes acceso a esa RMI ou RISGA, iso si, se es un bo pobre. Presentan a RMI ou RISGA como una ferramenta para regresar ao mundo do emprego, aínda que a mesma Unión Europea xa recoñece que nunca máis poderemos volver a falar de pleno emprego. Entón, que buscan con este tipo de medidas?

O primeiro e fundamental, responsabilizar a persoa da súa situación como empobrecida, como carente de recursos, ela e a súa familia. Igualmente pártese da lóxica do control e o sometemento. Esíxese unha contrapartida ou contraprestación a quen accede a cobrar a RISGA ou RMI, esixindo un sometemento total da súa vida ao ollo controlador dos chamados Servizos Sociais, que inclúen os policiais, cando é preciso. A vida das persoas perceptoras de RISGA e RMI está sometida a seguimento e control constante, aínda que falemos do cobro de contías que, segundo a comunidade autónoma, van dende os 399 €/mes a 700 €/mes (comunidade autónoma do País Vasco e Navarra), por un período de tempo limitado, xeralmente de seis meses, e que máis adiante poden volver solicitar. Todo nunha sociedade que día si e outro tamén nos mostra os beneficios de grandes bancos, de Inditex e das grandes marcas/empresas do IBEX-35. A diario vivimos escoitando a satisfacción de que unha minoría propietaria desas grandes empresas é máis e máis rica, como se iso significase reparto deses beneficios ou riqueza colectiva. Como dicía Castelao: ante o rico borracho falamos do gracioso que está, mentres á persoa empobrecida desprezámola pola súa borracheira.

Para acceder a unha RISGA, a persoa debe cumprir unhas condicións previas de ”Cadernos para saber máis e debater mellor” empadroamento, de carencia total de ingresos e aceptar someterse a un recorrido personalizado de inserción laboral e/ou social; todo para recibir uns meses, seis ou doce, unha cantidade ínfima de diñeiro. O proceso de solicitude é humillante, desde a primeira entrevista ata o labirinto administrativo. Establécese unha relación de dominación e sometemento desde o primeiro momento, xa que as entrevistas, en ocasións, son investigacións profundas das nosas vidas: Con quen vivimos? Como vivimos? Temos algunha persoa amiga que nos pasa algún recurso?... Digamos que as perceptoras de RISGA teñen as súas vidas secuestradas e, como se dun escaparate se tratase, son observadas e xulgadas polos Servizos Sociais.

En conclusión: as RMI son ferramentas do mercado das empresas para someter a toda a poboación. Unhas con baixos salarios, outras con salarios ocasionais e as últimas con ingresos mínimos e insuficientes, se son bos pobres. Por iso é tan importante ter claro que as RMI, a RISGA, non é unha Renda Básica. Falar de rendas básicas é falar de dereitos sociais e non de prestacións sociais ou dereitos subxectivos. As rendas básicas son á marxe do emprego e do mercado laboral, son un dereito incuestionable por ser persoa, porque existimos, para asegurar que poidamos vivir todas as persoas, sen distincións.

Das Rendas Básicas á Renda Básica das iguais

En 1998, en Barcelona, chegamos ao acordo con moitas outras, que falamos de RENDAS BÁSICAS, cando se dan estas características:

- INDIVIDUAL, o ingreso é para cada persoa.

- UNIVERSAL, para todas as persoas, sen distincións.

- INCONDICIONAL, sen contrapartidas nin contraprestacións.

- SUFICIENTE, a contía, para todas as persoas por igual.

Aquel acordo tiña lecturas distintas e desde ese mesmo momento temos que falar de RENDAS BÁSICAS en plural porque hai lecturas diferentes arredor das características fundamentais. A xente da Coordinación Baladre apostamos por unha proposta forte, a RENDA BÁSICA das (persoas) IGUAIS, a RBis, que entendemos como una ferramenta máis para saír do capitalismo e do patriarcado.

A Renda Básica das Iguais como ferramenta (unha máis) defínese polas seguintes características:

- INDIVIDUAL
- UNIVERSAL
- INCONDICIONAL
- CONTÍA SUFICIENTE, igual á metade da renda per cápita do territorio que falemos (Galiza ou outro).

Ademais propoñemos que todas as persoas cobren a mesma contía (IGUALDADE).

Dividimos a contía total de cada persoa en dúas partes: 80% individual e 20% para o Fondo de RBis da Comunidade.

- FONDO DE RBis. Este fondo créase das achegas do 20% do total que nos corresponde a cada persoa.

Este Fondo de RBis estaría constituído por barrios e/ou vilas onde a mesma xente da vila ou do barrio decide conxuntamente o uso/destino deste, en base ás súas particularidades e necesidades (PARTICIPACIÓN SOCIAL).

- Unha proposta/ferramenta para ABAIXO, para a loita social. Para transformar profundamente a sociedade actual.

Igualmente propoñemos que a tendencia do 80% individual sexa a cero e o 20% do Fondo de RBis tenda a cen, chegando ao que denominamos Riqueza Comunal de libre disposición de todas as persoas.

Pola Renda Básica das iguais cara á comunidade

Un dos grandes obxectivos da RBis, como ferramenta, é crear as condicións e posibilitar a RELACIÓN HUMANA, partindo da necesidade de definir en cada vila/barrio o destino/necesidades que debe cubrir do Fondo de RBis. É impulsar A COMUNIDADE, o comunitario e o común máis alá de conseguir uns recursos básicos que nos permita ter un colchón de resistencia para satisfacer as nosas necesidades básicas.

E, por suposto, estes ingresos individuais e do Fondo de RBis serven para poder percorrer o proceso (suma de loitas colectivas) que nos saquen do actual colapso.

Propoñemos a loita pola RBis partindo da RISGA como un proceso: reivindicando o aumento das súas contías, a eliminación de contrapartidas e contraprestacións, para dar o salto ás rendas básicas en plural, xa como dereito individual, saíndo de prestacións e rendas mínimas, para entrar na RENDA BÁSICA DAS IGUAIS, apostando por esa comunidade que fai do Fondo da RBis o espazo de participación, de concreción do COMUNITARIO.

É un camiño/percorrido que depende da suma de vontades (de moita loita social), para chegar antes ou despois a conquistar outra xeito de estar e ser, en comunidade, camiño marcado por outras moitas máis ferramentas e loitas. E, por supostísimo, temos que percorrelo con outras, nunca soas. Aquí non sobra ninguén.

Falar da RBis é formularse a centralidade da vida desde as persoas, a comunidade, entendendo a vida no marco da cooperación, do apoio mutuo, do traballo, que non do emprego que nos escraviza e somete. É poder formularnos a soberanía alimentaria, o producir alimentos que nutran realmente, para que todas os coman, rompendo as lóxicas do mercado actual. É poder encarar o VIVIR ONDE DESEXEMOS E QUEIRAMOS, poder saír da metrópole e localizarnos no territorio desde lóxicas humanas, vinculadas á comunidade.

E, para rematar, a RBis sérvenos para encarar os COIDADOS, os afectos, soster as vidas de todas, pero facelo todas, en lóxicas de cooperación, de apoio mutuo e esa comunidade que tanto precisamos.

Manolo S. Bayona, das xentes de Baladre