No mundo inxusto capitalista do que formamos parte, os gobernos tomaron por costume (quizais para redimir as súas conciencias, ter argumentos para calar bocas ou ben, para paralizar os cerebros pensantes da xente) ofrecer a modo de “parches” pequenas faragullas polas que, as persoas con menos recursos teñen, han de loitar entre si; mentres que o grande pastel adxudícase as grandes fortunas, sen procesos e requisitos tan duros coma os que si se esixen á maioría de nós.
E nesta senda están Xunta e Concello de Vigo ofrecéndonos un repertorio de axudas que, lonxe de ir á orixe da inxustiza e desigualdade, fragmentan as nosas vidas. O último exemplo deste xeito de entender a xestión da miseria é o Cheque Social que vén de anunciar Abel Caballero; isto é: as "axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación".
No caso de Vigo mentres Florentino Pérez -por medio de CLECE- lévase a metade do orzamento en políticas sociais da cidade para 2016, as veciñas máis empobrecidas temos que pelexar polo millón e medio de euros do cheque social.
A convocatoria deste ano é moi parecida ao do ano anterior:
1. Orzamento: 1.550.000 € (+ 59.986 € para recursos)
O ano pasado o orzamento foi de 2.000.000 €.
2. Cita previa para entregar as solicitudes
O goberno municipal pretende eliminar as “colas da vergoña” na praza do Rei introducindo un sistema de cita previa. As citas -concello, Coia e Rivera Atienza- hai que pedilas chamando ao 010 ou a través da web do concello.
3. Vivenda (non débedas comunidade), alimentación e luz e gas
Como nas anteriores convocatorias as facturas da auga non entran malia continuar os cortes nunha cidade na que non hai ordenanza que garanta o acceso a fogares empobrecidos.
4. Esixencia de 3 anos de empadroamento en Vigo
Mentres ca no caso das axudas municipais que se poden solicitar durante todo o ano o período de antigüidade é de 6 meses; nestas empregase o tempo do padrón para deixar fóra destes cartos a moitas persoas en situación de vulnerabilidade.
5. Unidade de convivencia
Se hai dous núcleos familiares con menores a cargo, considéranse dúas unidades de convivencia.
Seguiremos a reivindicar o dereito de cada persoa, individualmente, a satisfacer as súas necesidades básicas.
6. Migrantes con tarxeta de residencia ou comunitarios inscritos no Rexistro Central de Estranxeiros
Resistividades coma esta (non abonda o padrón?) alimentan a competencia e fragmentación entre as que sufrimos a miseria.
7. Todos os membros da unidade de convivencia empadroados no domicilio cando menos dende o día 1 do mes anterior ao da solicitude, é dicir, 1 de abril de 2016
8. Ingresos computables no momento da solicitude (nómina do mes inmediatamente anterior).
En anos anteriores denunciamos a arbitrariedade do concello á hora de computar os ingresos, xa que non estaba reflectido nas bases. s ingresos computables poden ser de abril ou maio (dependendo de cando presentemos a solicitude: en maio ou xuño).
9. Se se está a aboar pensión alimentos (recoñecida en sentencia) se permite computar a ese fillo menor como membro da unidade de convivencia
10. Prazo para solicitar é de 20 días hábiles, os cales rematan o 15 de xuño
11. O prazo resolución que ten o concello é de 3 meses dende o fin do prazo de solicitude, é dicir, remataría o 15 setembro.
Ao seren o silencio negativo non temos posibilidade de reclamar as demoras na tramitación. Lembramos que nas anteriores convocatorias as resolucións non chegaron até final de ano, coa consecuente incertidume para os fogares que a solicitaron. Malia teren aprobados os orzamentos aprobados dende finais de 2015 agardaron a mediados de ano para lanzar a convocatoria.
12. Ingresos e gastos máximos:
Fixar uns limiares tan baixos provoca que teñamos que estarmos na absoluta miseria para acceder ao cheque, feito que unido a escoller o modelo de concorrencia competitiva das axudas, provoca que fique moi lonxe a vontade de garantir o dereito efectivo a unha vida digna para todas.
Abonda xa de repartir esmola, esiximos a repartición da riqueza de todas. Fronte a esta aposta por institucionalizar a esmola, reclamamos dereitos sociais! Renda básica das iguais e moito máis!
Coia, maio 2016