O 26 de outubro solicitamos a través do rexistro do concello entrevista co alcalde e con Isaura Abelairas, concelleira de Benestar Social. Tras agardar semanas, chamamos ao departamento para saber se tiñan pensado recibirnos. A resposta foi que nada sabían.
Cansas de agardar, o 6 de decembro fomos en grupo até Benestar Social para tratar de falar coa concelleira. Ela non estaba, porén tivemos un pequeno encontro co xefe de servizo do departamento ao que lle presentamos as nosas reivindicacións.
Hoxe, 22 de decembro, volvemos ir un grupiño ao concello para tratar de saber se Isaura Abelairas tiña pensado recibirnos. Subimos até ás oficinas do departamento de Benestar Social e alí estaba a concelleira. Na entrada, e de pé, cruzamos unhas palabras. O motivo da nosa visita era:
- Volver cunha data de xuntanza ou cando menos unha resposta de se quere recibirnos.
Semella que non o vai facer polas súas verbas.
- Solicitar que fagan públicos os datos das Axudas de Emerxencia Municipais 2015: nº de solicitudes, tempo de tramitación, concesións, denegacións e conceptos.
Non somos capaces de reproducir as súas palabras (moito berro e ideas confusas) pero danos o corpo que non quere facelo. De entre todo o que saíu pola súa boca salientar: “o alcalde ás veces ofrece estes datos”.
- Coñecer a data de publicación e as bases das “Axudas alugueiro vivenda, alimentos e enerxía” e “Axudas a Familias e Fondo de Emerxencia para Despexos” para 2016. Faltan días para remate o ano e non sabemos nada delas, situación que pode deixar a moitas veciñas indefensas ao non sabermos os criterios de acceso.
Perante isto, a concelleira volta a non dar información algunha, dicindo que “xa se publicarán” as bases.
- Expresar o desastre da convocatoria coñecida como “Cheque social”.
A resposta de Isaura ao elevado número de solicitudes denegadas foi que moitas persoas as presentaron sabendo que non tiñan dereito.
A actitude da concelleira, que se mofa das peticións das veciñas e as ningunea e que dirixe un departamento como o de Políticas Sociais, parécenos unha ofensa aos miles de persoas que na cidade viven, día a día, a precariedade e a miseria provocada pola ineficacia e insuficiencia das políticas que Isaura e Abel Caballero dirixen.
Non se trata só de transparencia política, nin responsabilidade na xestión. Estamos a falar de coñecer os datos para contrastar cos mesmos o que xa vivimos acotío na rúa: que as axudas de emerxencia municipais funcionan mal, que non chegan, ou o fan tarde, que as UTS están colapsadas, que o concello non cumpre os prazos legais, que moitas veciñas fican sen a posibilidade de solicitar as axudas, que a concesión das mesmas é arbitraria e moitas veces inxusta, que cada vez se restrinxe máis o acceso ás mesmas, que o alcalde falta a verdade deliberadamente cada vez que sae na prensa facendo propaganda das políticas sociais deste Concello.
Insistiremos na denuncia e na petición da datos, a pesares da oposición deste goberno, e da ineptitude da concelleira para xestionar o departamento de Benestar Social.
Coia, decembro 2015