Este sábado 7 de novembro temos o pracer de convidar a toda a veciñanza do barrio e da cidade á xornada: “Ambulatorio de Coia. Un espazo, novos usos". Nela reflexionaremos e intercambiaremos experiencias sobre outros modos de construír e compartir espazos dende o común, coa xente e para a xente. Será nos locais da parroquia do “Cristo da Vitoria” na rúa Baiona 9 en Coia (Vigo).
Agora que o antigo ambulatorio do barrio fica baleiro e sen actividade, ábrese a posibilidade de pensar como artellar a recuperación de edificios públicos, como traballar xuntas para dotar de novos usos a 'vellos' espazos.
Propoñemos dúas actividades para favorecer unha reflexión colectiva sobre os futuros posibles deste espazo que ficou abandonado coa apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro:
16:30 - Documental: “Com un Gegant invisible. Can Batlló i les Ciutats Imaginàries”
Unha reflexión crítica á cidade contemporánea a través dos procesos de transformación acontecidos en Can Batlló, así como da evolución do Modelo Barcelona. Can Batlló é un recinto pendente de transformación, obxecto de reivindicación e loita veciñal dende fai moitos anos, atopándose agora nun proceso de apropiación por parte da cidadanía. A través deste proceso de recuperación, o documental pregúntase sobre cales son as regras do xogo, os actores, os intereses e estratexias que ditaron as transformacións urbanas na Barcelona dos últimos trinta anos e que levaron á situación actual: ao Can Batlló da propiedade privada fronte ao Can Batlló da xente. Partindo desta base, o documentario reflexiona sobre o futuro e sobre as outras Barcelonas posíbeis, sobre todo nesas cidades que aínda nos quedan por imaxinar.
17:45 – Faladoiro: “Vellas necesidades, novos usos para o edificio do ambulatorio”
Décadas de loita da veciñanza deron forma ao barrio de Coia. O polígono nacía sen os servizos mínimos para acoller as miles de persoas que dende Madrid eran vistas só como man de obra. Dende o comezo a veciñanza organizada loitou por unha rede de sumidoiros, por semáforos que controlaran o tráfico, por escolas, por A Bouza como espazo verde... Moitas conquistas que non agochan as deficiencias que aínda hoxe padecemos.
Durante anos a loita por conseguir un centro cultural para o barrio foi central para asociacións e veciñas. Atrancos administrativos pero sobre todo falta de vontade política impediron que aínda hoxe este barrio fique sen unha gran infraestrutura sociocultural.
Porén, a apertura do Álvaro Cunqueiro ofrece unha oportunidade. O vello ambulatorio da rúa Porriño fica sen uso e algunhas soñamos en recuperalo para a xente e dar resposta ás vellas necesidades en materia sociocultural.
Xuntarnos e falar. Con esa idea propoñemos un faladoiro que quere mirar para o pasado cos seus anos de loita e tamén para o futuro da man de experiencias que poden dar ideas de como facer do ambulatorio un espazo para a xente.