Os Dereitos Sociais son unha emerxencia municipal en Vigo

João naceu en Madeira como o seu compatriota Cristiano Ronaldo. João padece unha enfermidade crónica, leva anos desempregado e carece de ingresos.

No mes de marzo pide cita cunha traballadora social do Concello de Vigo. Un mes máis tarde acode á entrevista onde as respostas son desoladoras: fica sen dereito á RISGA, e polo momento non cumpre os requisitos para unha Pensión Non Contributiva (PNC), nin para a Renda Activa de Inserción (RAI)... pero disto falaremos noutra ocasión.

João usa lentes. Precisa un cambio de cristais, pero a falta de euros o fai imposible.

Un coñecido coméntalle que en Servizos Sociais pode pedir unha axuda para isto. O día da entrevista, a traballadora social explícalle que os lentes os pode solicitar a través dunha “Axuda de Emerxencia Municipal”, xunto á dita solicitude ten que achegar orzamento dunha óptica. Cando teña toda a documentación a funcionaria enviará a súa valoración á “comisión” que será quen resolva. Avísao de que non sabe cando recibirá a resposta e que podería vir denegada xa que agora no departamento “non hai cartos”. Porén, ela vai preguntar nunha ONG que consegue lentes para xente sen recursos.

O 17 de abril João entrega no rexistro a solicitude da Axuda de Emerxencia Municipal tras pasares pola óptica onde lle deron un orzamento de 170 € por un cambio de cristais.

A finais de xullo a traballadora social chámao para explicarlle que unha ONG conseguiralle os lentes e que a finais de agosto terá que presentarse na óptica solidaria coa que colaboran.

Case catro meses máis tarde, o 12 de agosto, recibe unha carta na que lle notifican a denegación da axuda: “non se considera unha situación de emerxencia xa que logo se poden utilizar outros recursos da cidade para este concepto”.

Ao marxe de que João consiga ou non os lentes que precisa, esta historia deixa de manifesto como entende as políticas sociais o goberno municipal:

- Aposta polo asistencialismo fronte aos dereitos sociais: destinan cartos e asinan convenios con entidades privadas para que ocupen o espazo que a administración deixa baleiro. Unha das respostas da concellería que dirixe Isaura Abelairas ás insoportables demoras provocadas pola escaso número de profesionais do departamento é asinar convenios con entidades privadas para que estas repartan alimentos. Queren agochar con alimentos os incumprimentos das leis en materia de protección social por parte deste concello.

- Incumprimento da legalidade: os tres meses que fixa a lei para dar resposta a unha Axuda Emerxencia Municipal son acotío superados como no caso de João. Os prazos só existen para prexudicarnos. Dannos con eles na cara cando os excedemos, mentres eles o fan acotío: RISGA, cheque social, dependencia...

Do mesmo xeito, incumpren a ratio de traballadoras sociais por habitante como veñen denunciando varios colectivos da cidade.

- Servizos sociais entendidos como un labirinto da exclusión: documentación, contraprestacións, demoras... que lonxe de afastarnos da miseria o que fan é empurrarnos a unha carreira de atrancos. Carreira que temos que vivir en soidade e asumindo de forma individual as consecuencias de non sabermos competir no sistema.

Fronte a isto esiximos dereitos sociais. En relación ás no caso das axudas municipais que se constitúan como un dereito complementario a outras prestacións (RISGA, PNC, subsidios...), cuns criterios claros e que garantan que ningunha persoa da cidade fique sen ter cubertas as necesidades elementais.

Esiximos tamén a implantación inmediata da renda básica das iguais como garantía de todas a ter unha vida digna e plena!

 

Coia, agosto de 2015