Campaña: "Quen non vive aí?"

A Oficina Dereitos Sociais – Coia (ODS-Coia) e o Grupo de Axitación Social (G.A.S.) lanzamos a campaña "Quen non vive aí?".

O título da campaña alude a un deses programas de televisión nos que se amosa groseiramente a riqueza e o luxo duns poucos, mentres a maioría estamos na obriga de vivir coa miseria que deixan os grandes capitais.

A campaña fai fincapé en seis colectivos que están a sufrir moreas de problemas para rematar o mes, mentres que dirixentes de grandes empresas ou bancos e políticos enchen as mans cos nosos cartos.

Aquí tedes o texto central da campaña:

:: "Quen non vive aí?" ::

Con crise ou sen ela, dende logo o que non cambiou é que a riqueza que producimos todas segue beneficiando e acumulándose nas mans de moi poucas persoas, corporacións e bancos. Á vez que os recortes e a austeridade marcan as políticas sociais, millóns de euros aparecen para rescatar aos culpábeis e máximos beneficiarios da crise.

Mentres á xente do común a empobrecen, a precarizan e a desafiúzan. Os grandes capitais afrontan a crise como unha grande oportunidade de inverter e mercar a baixo custe, non debemos estrañarnos entón de que o ano pasado o número de fortunas billonarias en todo o mundo medrase en varios centos.

O luxo e a ostentación dunhas poucas seguen a ser os modelos sociais e o espello no que nos din que debemos mirarnos na procura do éxito, cando a maioría apenas chegamos a fin de mes.

Por todo isto e xogando co nome dun deses programas de TV, que parecen cachondearse das nosas miserias amosando casas de luxo, presentamos a aqueles sectores que non poden vivir aí sinalando á vez a algúns dos culpábeis:

1- As Familias que cobran RISGA: preto de 6.500 familias galegas viven da RISGA (Renda Integración Social de Galicia) e que teñen que pasar o mes cunha media de 380 €.

Pola contra si podería disfrutar dese castelo Abel Caballero, alcalde de Vigo. Polo seu cargo cobra 6250 €/mes, el non ten que agardar os seis meses de media que tarda en resolverse un expediente de RISGA.

2- As perceptoras de Pensións Non Contributivas (PNC): as 50.000 galegas que cobran PNC, teñen que vivir con menos de 350 €/mes. Un colectivo no que moitas mulleres soas que traballaron toda a súa vida chegan aos 65 anos e cobran unha esmola que as coloca embaixo do limiar da pobreza.

O que sí estaría moi ben nese chalé é Teddy Bautista, presidente da SGAE. Xa que vai quedar cunha pensionciña de 24.500 €/ mes grazas ao seu traballo nunha organización que vive de mercadear a cultura de todas.

3- As persoas Sen Fogar: só na cidade máis de 300 malviven nas rúas. Ningún dos distintos gobernos que pasaron por Concello ou Xunta foron quen de abrir un albergue público que evitara o goteo de mortes nas rúas.

Si podería gozar da mansión Pierre Ianni, director da planta viguesa de PSA-Citroën. Malia que a súa nómina (seguramente que millonaria) é un misterio, sabemos que a planta que dirixe vai recibir máis de 40 millóns de euros, mentres botan á rúa a 800 traballadores que tiñan contratos eventuais.

4- As persoas Paradas: máis de catro millóns, das cales 236.000 son galegas. Mentres esgotan as prestacións, o goberno quere que lle deamos as grazas por poder percibir durante seis meses os 420 €, produto estrela de Zapatero para paliar a crise.

Podería vivir nesa casa de luxo Amancio Ortega, propietario de Inditex. Xa que rematou o 2009 cun haber que suma 16.420 millóns de euros, 5.644 máis que hai un ano pese que a crise obrigou a que miles de traballadoras perderan os seus empregos.

5- A Mocidade: que sen emprego, ten iso si a liberdade de escoller hipoteca ou a axuda do momento para emanciparse. No mellor dos casos poderán pagar esas vivendas grazas á súa beca ou ao seu traballo en precario, sempre prescindible segundo ao sistema lle pete.

Gozaría felizmente dese casa hiperluxosa José Luis Méndez López, director de Caixa Galicia, co seu soldo de máis dun millón de euros. Gañado con moito mérito, xa que nun ano de crise para o sector, o beneficio da caixa que preside foi de 91 millóns de euros.

6- Dende logo non a maioría da poboación galega: que bastante ten con sufrir recortes sociais xerais, entre outros moitos: a privatización da sanidade (con recortes de persoal, contratación precaria, externalización, etc), ou os insuficientes orzamentos para educación (desmantelando as escolas de idiomas, non cubrindo baixas de profesorado, retirada de axudas a transporte, comedor).

Por suposto podería trasladar aí a súa residencia oficial Núñez Feijóo, presidente da Xunta, a pesar da súa propagandística rebaixa de soldo, aínda cobra 87.500 €/ano. Malia que non nos importa tanto ese recorte de soldo, se non as promesas de austeridade e as súas medidas anticrise que de novo marcan a “reactivación”do mercado inmobiliario (ao estilo PP) como un dos seus obxectivos.

 

Vigo, abril 2010

Oficina Dereitos Sociais – Coia  |  Grupo Axitación Social

- - - - -

Deixamos o texto e os carteis da campaña para que os usedes, divulguedes, copiedes...