Cheque Social: o goberno municipal institucionaliza a caridade

En plena campaña electoral, o goberno municipal convoca o “Programa municipal de axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación 2015”, coñecido como “cheque social”.

Perante isto, non temos máis que denunciar, non só o momento da convocatoria, se non, sobre todo a miseria e ineficacia das Políticas Sociais que existen neste Concello e das que Caballero nunca fala. Falan os feitos destas políticas:

- Colapso do departamento: até dous meses de atraso por unha cita coa traballadora social, incumprimento de prazos de tramitación de axudas como a RISGA, etc.

- Peche do programa Sereos, o cal foi substituído por un autobús na zona de Jacinto Benavente que foi caer nas mans de Érguete.

- Privatización de servizos e programas: Grupo 5 xestiona o albergue municipal, CLECE o programa de intervención familiar, o servizo de axuda no fogar e parte de CEDRO.

- Aposta pola caridade: o departamento de Benestar Social substitúe os dereitos pola esmola. Centos de miles de cartos saen en convenios con entidades privadas que atenden necesidades da veciñas que sofren o colapso do servizos sociais municipais e autonómicos.

As devanditas bases levan aprobadas dende a Xunta de Goberno Local celebrada o 30 de decembro. Porén, non é até 5 meses despois, o pasado 14 de maio, cando se decide convocar o programa. Volve o Alcalde unha vez máis, a utilizar a necesidade da xente como propaganda política con fins partidistas. Resulta inaceptable que se xogue desta maneira cunha axuda que debería servir para paliar a precariedade na que viven cada vez máis persoas, como se fose un mitin, unha pegada de carteis ou unha foto na prensa.

Por riba disto, e como xa ten sucedido nas dúas convocatorias anteriores, o programa resulta restritivo, insuficiente e miserento:

1º. Mentres a situación económica da cidadanía empeora cada día máis, o goberno municipal segue a destinar 2.000.000 € para esta axuda, contía que, tal e como quedou amosado na última convocatoria, resulta totalmente insuficiente para paliar as extremas situacións de empobrecemento que sufrimos.

2º. A axuda se outorga á unidade familiar, como beneficiaria, de tal maneira que só se pode percibir unha contía por domicilio. Por contra reivindicamos o dereito de cada persoa, individualmente, a satisfacer as súas necesidades básicas.

3º. Escollen o modelo de concorrencia competitiva que impide atallar a situación concreta de cada familia, ao depender a contía da axuda do número de solicitudes, e non das necesidades particulares de cada caso.

4º. Nos gastos que poden ser subvencionados non se traslada a realidade da situación de moitas familias, enmarcándose nun esaxerado formalismo que non se acomoda aos peculiares modelos convivenciais aos que a xente ten que recorrer. Así, por exemplo:

a) Non se prevé como subministro a auga.

b) Non se prevé como gasto de vivenda diferentes modelos de vida: pisos compartidos, retorno ás vivendas familiares...

c) Esíxese a "garantía de continuidade na vivenda" como requisito para sufragar os gastos de alugueiro. Porén, a experiencia contrastada coas resolucións das AEM está a facer que en moitos casos non se estime a concesión da axuda por considerar que a renda do alugueiro resulta desproporcionada ou non axustada aos recursos da familia.

5º. Exclúense das axudas as persoas estranxeiras que non teñan autorización de residencia, o que supón deixar fora da convocatoria a moitas veciñas que tamén teñen necesidades que cubrir, sen ningún tipo de xustificación ou lexitimación.
O mesmo ocorre coas nacionais de estados membros da UE ás que se lles require estar inscritas no Rexistro Central de Estranxeiros, o cal só se permite facer se se conta con ingresos que garantan a subsistencia. Polo que, de facto, estase a privar destas axudas a estas persoas.

6º. Esixir un período mínimo de empadroamento tan elevado (3 anos) supón unha decisión puramente restritiva, pensada para deixar fora a moitas persoas que residen na cidade e que ficarán sen axuda.

7º. As contías máximas de ingresos, unha vez descontados os gastos de aloxamento (se é que os admiten ou estiman), resultan excesivamente restritivas: por exemplo, para unha familia de 4 membros que poida descontar o máximo de gastos de aloxamento (325 €), establecese un límite de ingresos de 450 €, o que supón uns ingresos máximos per cápita de pouco máis de 110 euros. Ademais o restritivo dos límites intensifícase segundo aumentan os membros da unidade familiar.

8º. En canto ao procedemento:

a) O prazo máximo de resolución (3 meses dende a publicación da convocatoria) fica sen efecto porque se establece o silencio negativo (é dicir, se transcorridos os tres meses non existe resolución, estimarase denegada a axuda), co que aos solicitantes non lles queda máis remedio que agardar ao máis que probable atraso na concesión das axudas.

A experiencia das últimas dúas convocatorias amosa que o ese prazo de 3 meses é sobrepasado con creces polo Concello, deixando ás persoas agardando meses por esta axuda.

Cun departamento de benestar social colapsado, con insuficiencia de medios e persoal, o Concello volve a convocar un programa propagandístico cuxa resolución vaise demorar até o infinito.

b) O outorgamento de puntuación volve ser excesivamente restritivo: unha vez superado o primeiro obstáculo do límite dos ingresos máximos, atopámonos con que unha familia de 4 membros que teña uns ingresos de 451 euros (112 por persoa) non obtén puntuación algunha (táboa 2), co que non percibirá axuda. Desta maneira, as bases limitan aínda máis os criterios do ano pasado, cando os ingresos máximos per cápita eran de 150 euros. O mesmo acontece cunha familia de 5 membros con 551 euros de ingresos.

c) O prazo para adquirir os alimentos da axuda concedida (10 días) semella moi escaso.

En definitiva, contra a “fanfarria” e propaganda do Alcalde, non temos máis que amosar luz sobre a realidade desta convocatoria, e denunciar a inexistencia dunha política social real e xusta por parte dun Concello que permite que a cidadanía perpetúe a situación de precariedade na que vive.

Fronte á caridade institucional, esiximos medidas que desborden o sistema. Esiximos, e traballamos, pola Renda Básica das iguais e por moitísimo máis. As súas políticas o único que procuran é maquillar a crúa realidade, perpetuar a desigualdade e a inxustiza, desmobilizarnos e confundirnos dos vieiros que debemos camiñar para parir unha vida digna e plena.

 

Maio 2015

ODS-Coia