A veciñanza sae á rúa para opoñerse ao barco na rotonda de Coia

Onte a avenida de Castelao foi tomada por unha gran manifestación na que expresamos o "cansazo cidadán ante as políticas duns gobernantes que viven moi afastados das necesidades reais que temos as persoas".

Como titulaba un medio dixital "o ruxir das máquinas en Coia deu paso á voz da veciñanza", quen manifestou con claridade que o Bernardo Alfageme non chegará á rotonda e que os cartos de todas teñen que estar ao servizo das necesidades das persoas.

Achegamos o manifesto lido onte na rotonda e unha recompilación da mani nos medios:

A veciñanza do barrio e da cidade paramos as máquinas! E non marcharemos até que os centos de miles de euros que pensaban tirar nesta obra vaian destinados a cubrir as necesidades das persoas!

Levamos máis dunha semana na rotonda e, malia os intentos do alcalde e do seu goberno, aquí permaneceremos até que manifesten que o barco ficará no mar, ou á súa beira, e os cartos irán destinados a cubrir as necesidades da xente. Son momentos nos que o desemprego, os recortes, a insuficiencia das axudas sociais... están a deixar a moitas persoas sen uns mínimos para vivir con dignidade. Sen consultar a ninguén, e saltándose un acordo do pleno, pensaban tirar os cartos nunha obra de sospeitosa legalidade.

A nosa loita non é so por evitar que chanten o barco nesta rotonda, vai máis alá. É un berro, unha expresión do cansazo cidadán ante as políticas duns gobernantes que viven moi afastados das necesidades reais que temos as persoas. Eles viven nesa “cidade fermosa” dos grandes cruceiros, das obras faraónicas, mentres que nós vivimos nos barrios, nas rúas onde os meses son demasiado longos e os cartos, ao igual que os nosos dereitos, son sempre escasos.

Estes días lonxe de se escoitar o ruído das máquinas na rotonda, escoitáronse as voces e os berros dun barrio, dunha cidade que aposta por construír vida desde abaixo, desde a xente. Os zapatistas que saben escoitar moi ben, así o din:

¿ESCUCHARON?
Es el sonido de su mundo derrumbándose.
Es el del nuestro resurgiendo.
El día que fue el día, era noche.
Y noche será el día que será el día.

Que hoxe este berro se escoite ben forte:

NON PODE SER, O BARCO NA ROTONDA E AS FAMILIAS SEN COMER!!
NON PODE SER, O BARCO NA ROTONDA E AS FAMILIAS SEN COMER!!

O luns seguiremos na rotonda e animamos a todos os colectivos e persoas que acudan á asemblea aberta que ás sete celebraremos para pensar en común como continuar coa loita.

Vigo, 12 de decembro

---

- A veciñanza de Coia saca músculo ante as descalificacións de Caballero: http://vigodixital.opennemas.com/articulo/barrios/coia-saca-musculo-desc...

- Los vecinos de Gamonal apoyan a los opositores al barco de Coia: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2014/12/13/vecinos-gamonal-apo...

- O ruxir das máquinas en Coia deu paso á voz da veciñanza: http://www.sermosgaliza.gal/articulo/comarcas/ruxir-das-maquinas-coia-de...

- El Concello colocará el barco ´Alfageme´ en Castelao por encarnar ´tradición y origen´: http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2014/12/13/concello-colocara-barco-al...

- Centenares de vigueses dicen no al traslado del Alfageme a una zona de Coia: http://www.abc.es/agencias/noticia.asp?noticia=1744114

- Decenas de personas se manifiestan en contra de la colocación del Berbardo Alfageme en la rotonda de Alcampo: http://www.vigoalminuto.com/2014/12/12/decenas-de-personas-se-manifiesta...

- Veciños de Coia continúan mobilizándose contra a rotonda: http://www.crtvg.es/informativos/vecinos-de-coia-continuan-mobilizandose...

- Crónica en verso de Manolo Pipas: http://envolventesaspalabras.info/cronikas-de-tempos-de-crise/10-coia-ro...