Esta mañá a ODS-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e GAS concentrámonos xunto a entrada do Concello de Vigo para continuar coa campaña de recollida de sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular pola Renda Básica. De 10h00 a 13h00 non pararon de achegarse persoas que apoiaron esta iniciativa coas súas sinaturas.
No acto pretendiamos informar á cidadanía sobre a alternativa real que supón a Renda Básica coma instrumento transformador de loita contra a pobreza e de xustiza social, e tamén denunciar publicamente a situación de total indefensión e precariedade na que as institucións públicas deixan a unha poboación cada vez máis empobrecida, vítima dun sistema económico excluínte que impide que dispoña do imprescindible para vivir con dignidade.
Por iso escollemos o lema “Fronte á esmola do Cheque Social esiximos dereitos: Renda Básica!”: porque queremos lembrar que fronte á realidade de terrible inxustiza social que está a padecer a cidadanía, as respostas do Concello de Vigo, e tamén da Xunta de Galicia, están a ser parciais e ineficaces.
O vindeiro venres 4 volveremos á rúa, desta vez na rúa Príncipe de 18h00 a 20h00, para continuar coa recollida, porén a xente que estea interesada en asinar o pode facer tamén na ODS-Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Victoria (Baiona 9, Coia – Vigo), todos os luns de 17h00 a 19h00.
Achegamos o texto que elaboramos para o acto: odscoia.arkipelagos.net/content/fronte-%C3%A1-esmola-do-cheque-social-esiximos-dereitos-renda-b%C3%A1sica e algunhas fotografías: www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157644982167609/