Esta tarde estaremos en Vilagarcía coa xente de Boa Vida na presentación da oficina de deberes e dereitos sociais desa localidade. Achegamos a nota de prensa do acto:
A asociación Boa Vida inicia a súa actividade en Vilagarcía
Seguindo a actividade realizada en Pontevedra abren a primeira oficina de dereitos e debes sociais da comarca. A Asociación Boa Vida Inclusión Activa pon en marcha unha oficina de dereitos e deberes sociais en Vilagarcía de Arousa.
Esta oficina dará información sobre os dereitos e deberes básicos como o acceso a axudas sociais, o dereito á vivenda ou á alimentación. Apoiarase nos servizos xa existentes e noutras organizacións sociais. Estará aberta, provisionalmente, un sábado ao mes, en horario de mañá (de 10.00 a 11.30), na Sala de Prensa do auditorio municipal, atendida por persoal voluntario que irá realizando charlas informativas e auto-formativas.
A primeira actividade desta Oficina de Dereito e Deberes Sociais será unha Charla-Coloquio sobre os dereitos sociais, en particular, sobre o dereito ao traballo.
Xoves 3 de abril ás 19:30 horas na sala de conferencias do Auditorio Municipal de Vilagarcía.
Intervirán:
- Isabel Camba. Portavoz para esta actividade. Explicará os motivos polos cales é precisa unha oficina deste tipo, e o funcionamento da mesma.
- Diego Lores. Traballador Social e membro da Oficina de Dereitos Sociais de Coia (Vigo). Que explicará como funciona a oficina de Vigo, e que resultados están tendo coa participación das persoas en situación de exclusión tanto na difusión da información como na reivindicación de dereitos sociais entre os que se atopa a renda básica, esta oficina é referente pioneira, xa que é a única de toda galicia que funciona dun xeito similar á que empeza agora a funcionar en Vilagarcía.
- Asociación de marisqueo Lazareto de Carril. Primeira convidada na defensa do dereito ao traballo coa exposición do seu propio caso.