Achegamos o texto que limos hoxe na concentración que fixemos na praza do Rei diante do Concello de Vigo.
"Menos rollos, máis solucións"
O pasado xoves, 17 de outubro, celebrouse o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. A Oficina de Dereitos Sociais de Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS), queremos celebrar publicamente esa data que nós rebautizamos como Día contra a riqueza. A riqueza acumulada nas mans duns poucos, unha riqueza que non fai máis que medrar a costa dunha maioría de persoas cada vez máis ampla que padece a crecente precarización das súas condicións de vida.
Nesta xornada que nós renomeamos como o Día contra a riqueza, queremos facer chegar á cidadanía dúas mensaxes: a primeira, a nivel local, denunciar a situación de falla de garantías coa que se atopan as persoas que se achegan aos servizos sociais do noso concello buscando solucións á ausencia de recursos para satisfacer as súas necesidades básicas; a segunda, a presentación pública dunha Iniciativa Lexislativa Popular por unha Renda Básica Estatal, que entendemos como un instrumento eficaz de loita contra a pobreza e de xustiza social.
En relación ao primeiro punto, a ODS-Coia e a Parroquia Cristo da Victoria vimos denunciando, máis aló da evidente insuficiencia dos recursos económicos destinados por Concello e Xunta a paliar a grave situación de empobrecemento da veciñanza, a opacidade que existe na tramitación das Subvencións Directas Individuais de Emerxencia Social do Concello de Vigo e, sobre todo, a inobservancia do procedemento legalmente esixible na tramitación destas axudas.
Tras dúas reunións cos responsables dos Servizos Sociais do Concello e unha carta pública ao Alcalde de Vigo, temos que denunciar que a situación non variou substancialmente. Aínda que semella que si conseguimos que comecen a dar por escrito a resolución denegatoria das solicitudes das Axudas de Emerxencia Social, o compromiso verbal de posibilitar a presentación por escrito das solicitudes en administración nas UTS quedou en nada e a xente está a ser remitida ao Rexistro do Concello de Vigo para exercer ese dereito.
Por isto reiteramos hoxe as nosas esixencias: que se respecte o procedemento administrativo legal e regulamentariamente establecido na tramitación e concesión das Subvencións Directas Individuais de Emerxencia Social do Concello de Vigo e que, en consecuencia, se garanta aos solicitantes a posibilidade de presentar por escrito as solicitudes, mediante formulario normalizado, e conservando os interesados unha copia selada. Porque é un dereito básico da cidadanía na súa relación coas administracións, e porque ha de selo especialmente para as persoas que se ven na obriga de achegarse aos Servizos Sociais na procura dunha solución ao crecente empobrecemento do que son vítimas.
Menos rollos, máis solucións. Este é o lema en torno ao que nos xuntamos hoxe nesta praza. E, coma sempre, as solucións existen e veñen da man da cidadanía que se organiza e busca alternativas para unha vida digna.
Tras meses de traballo colectivo e reflexións asemblearias no eido estatal, en Galiza unimos as nosas voces a moitas outras que, baixo o paraugas do “Movemento contra o Paro e a Precariedade. Por unha Renda Básica Xa!”, en todo o Estado Español chaman á mobilización de colectivos sociais e de persoas para gritar basta! fronte á realidade de emerxencia social e de degradación das condicións de vida que sufrimos unha maioría.
Cremos que é imprescindible comezar por un real reparto da renda e da riqueza. E nesta lóxica baséase a INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR POR UNHA RENDA BÁSICA ESTATAL na que estamos a traballar e da que queremos facer partícipe a toda a cidadanía.
Concibimos a Renda Básica como un instrumento de erradicación da pobreza, un mecanismo de repartición da riqueza e distribución da renda, que pode dar seguridade económica á poboación; que permite iniciar outros modos de vida, fomenta a igualdade de xénero e contribúe a eliminar os estigmas sociais. A Renda Básica pode ser o piar do novo sistema de benestar e un instrumento útil para defenderse da deterioración das condicións de vida que impón o capitalismo global.
A Renda Básica que defendemos non é unha esmola, nin unha prestación asistencial, nin un salario de pobres, senón un dereito inherente á condición de persoas, un dereito coas características de individualidade, universalidade e incondicionalidade.
A ILP pola Renda Básica pretende ser unha ferramenta para sacar da intemperie a milleiros de persoas, mais tamén para combater o medo e a desmobilización social. “Non hai pan para tanto chourizo” berrouse con carraxe nas prazas. Si hai e debe haber recursos para garantir unha vida austera, pero digna, a todas as persoas.
Por todo o exposto, presentamos esta ILP que establece o dereito á Renda Básica, é dicir, o dereito de toda persoa a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades básicas; un dereito individual, universal e incondicional, cunha contía equivalente ao limiar da pobreza (645,33 €/mes) e cunha aplicación gradual en dúas fases: de xeito inmediato trala aprobación da Lei para todas as persoas que non teñan cobertura por desemprego e non dispoñan doutros ingresos, e tamén para aquelas cuxas rendas sexan inferiores á contía da Renda Básica; e nunha segunda fase, para o resto da cidadanía.
Porque temos dereito a vivir con dignidade: RENDA BÁSICA ,XA!
Vigo, 23 de outubro de 2013
ODS-Coia - Parroquia Cristo da Victoria – Grupo Axitación Social