Cando vimos de saber que Galiza é o territorio no que máis subiu o paro no mes de decembro e que a Xunta propón un recorte de case 500 millóns de euros no gasto social para o 2013, novas que contrastan co anuncio de que o Amancio Ortega segue a incrementar indecentemente a súa fortuna, as xentes de Baladre pulamos por comezar o ano apostando pola renda básica galega.
Como xa dimos conta, o pasado 14 de decembro tivo lugar en Compostela a presentación do libro "Repartindo a nosa riqueza".
Mentres que pola maña tocou presentar os resultados do estudo aos medios de comunicación, acto ao que tamén compareceron integrantes do grupo parlamentario AGE, pola tarde estivemos no centro social Arredista onde ao redor dunha vintena de activistas sociais discutiron sobre os elementos que definen a proposta e o impacto que a súa aplicación puidera ter na poboación galega.
En medio a un debate do máis enriquecedor, abordáronse temas tan interesantes como a situación da cobertura social no noso territorio, a absoluta insuficiencia da RISGA e o mecanismos de control atrelados a esa prestación, posíbeis efectos da RBis sobre os procesos de mobilizacióne transformación política, o papel da política institucional e do Estado á hora de arrancar ese dereito, ou o sempre lembrado efecto que esta ferramenta puidera ter sobre o mercado laboral. En realidade, ficou curto o tempo previsto para a presentación para a cantidade e riqueza das cuestións plantexadas polo público que acodiu ao Arredista apesar do forte temporal.
Por iso, e para seguir impulsando o debate sobre a renda básica, as xentes de Baladre acordamos organizar unha Semana Galega pola RBisdG durante a semana do 25 ao 31 de xaneiro. Nesta leváranse a cabo presentación, palestras, obradoiros, accións de rúa, contactos coa prensa e distintas actividades polas diferentes cidades e vilas galegas. Polo de agora xa está pechada unha formación o día 26 na libraría Lila de Lilith com compañeiras de diferentes grupos feministas e xa se están a fiar actividades en Vigo, Ourense, Pontevedra, Coruña, Lugo, Boiro e Ferrol.
Proximamente daremos conta do programa completo de actividades.