Contra o Pacto/ Contra o Euro/ Contra a Unión Europea

As xentes do GAS elaboraron o texto que leva por título: "Contra o Pacto/ Contra o Euro/ Contra a Unión Europea":

O vindeiro 27 de xuño o parlamento europeo ten previsto aprobar o “pacto pola competitividade”, rebautizado, nun intento de ocultar a súa verdadeira esencia, como “pacto do euro”.

Este pacto foi aprobado xa en consello extraordinario polos xefes de estado e goberno o 11 de marzo; e ratificado, na súa maior parte, o 19 de abril pola comisión de economía e asuntos monetarios do parlamento europeo, en medio das manifestacións de oposición que se desenvolveron en Bruxelas.

O pacto recolle unha serie de medidas encamiñadas, disque, a fomentar a competitividade que se concretan nunha imposición da moderación salarial (ligando, por exemplo, salarios a produtividade); nun maior recorte de pensións e gasto social; nunha coordinación da fiscalidade na zona euro (cun control europeo dos presupostos de cada estado, incluso antes de que estes sexan aprobados nos respectivos parlamentos); na obriga do control do déficit (incluíndoo incluso nas constitucións estatais) e, por suposto, nun endurecemento aínda maior das condicións laborais, levando a flexibilidade moito máis aló do que xa era unha situación insoportábel.

No estado español, estas medidas estanse a impoñer xa a través das sucesivas reformas que estamos a sufrir nos últimos tempos, así, a reforma laboral, a reforma das pensións, e, na actualidade, a reforma da negociación colectiva, que vén a dinamitar un dos últimos parapetos para a defensa colectiva das traballadoras. A todo isto, cómpre sumar as privatizacións, subas de impostos, recortes sociais, etc. Porén, o proceso de “axuste” non está nin moito menos rematado.

Agora ben, non estamos ante unha situación nova (cando menos no cualitativo) ou ante unha perversión do modelo europeo. Desde a súa orixe, a construción europea é a construción dun mercado e unha moeda única, onde o capital busca maximizar os seus beneficios. Elimináronse fronteiras internas para a circulación de capital e mercadorías, pero reforzáronse as fronteiras externas (e tamén as interiores, mediante lexislacións, creación de centros de internamento, etc.) para regular a circulación das persoas. Impúxose o desmantelamento dos sectores produtivos de cada territorio para forzar a dependencia do mercado e a creación de circuítos de comercialización cada vez máis longos, para maior beneficio das multinacionais da distribución. Avánzase, desde os seus inicios, no desmantelamento dos servizos públicos para entregar á explotación privada a cobertura das necesidades sociais básicas. Equipáranse os dereitos laborais e sociais de millóns de persoas mediante o intento de igualalos a cero. E, desde logo, créase un espazo único para o control e a represión social.

Deste xeito, a oposición á aprobación e imposición do pacto do euro debe ser a oposición á propia construción da Unión Europea.

Sen esquecer, iso si, que o problema non remata en Europa, senón no sistema no que esta se sustenta.

 

Grupo Axitación Social

Vigo, xuño 2011