O pasado martes 30 de xuño "a Xunta de Galicia asinou un convenio de colaboración con Cruz Vermella para a posta en marcha da tarxeta básica". Segundo di a nota de prensa dita tarxeta "permitirá ás familias con poucos ingresos comprar produtos de alimentación, hixiene e farmacia" a partires do 1 de xullo. Esta medida, lanzada durante a campaña electoral, consiste en repartir tarxetas-moedeiro da man de Cruz Vermella, a familias en situación de vulnerabilidade económica derivada da crise da COVID-19. Unha persoa pode cobrar 150 €/mes, dúas persoas poden recibir 200 €/mes e tres ou máis persoas 300 €/mes. As axudas poden cobrarse durante tres meses, seica a crise económica social que trouxo a pandemia ten data de fin para os fogares empobrecidos do país, a partires de setembro finalizan estas axudas que chegan con case tres meses de atraso con respecto ao decreto do estado de alarma.
Segundo a Xunta as persoas beneficiarias son "residentes en Galicia que se atopan en situación de vulnerabilidade económica, ben porque carecen de ingresos efectivos, ou ben porque os ingresos da unidade de convivencia non superan o importe que lle correspondería en concepto de tramo persoal e familiar de RISGA e non son perceptoras de prestacións económicas regulares de periodicidade mensual (RISGA, PNC, IMV, RAI, prestacións por desemprego...)". É dicir estas tarxetas non chegará a unha maioría de fogares que antes da COVID-19 xa estabamos na miseria e que logo desta crise aínda estaremos máis afogadas.
Aquelas que desexen solicitar esta tarxeta poden facelo a través dos servizos sociais municipais, moi tensionados e colapsados por estes meses de confinamento, ou ben acudindo a Cruz Vermella.
Toda a información sobre a tarxeta neste documento: http://odscoia.arkipelagos.net/sites/odscoia.arkipelagos.net/files/Nota_...
Alporiza este tipo de anuncios, xa que mentres Feijóo e Fabiola García tratan de acalar con esmolas a desfeita provocada polas súas amigables políticas para o capital eles gozan de bos salarios.84.833,10 € ao ano recibe Feijóo polo seu cargo de presidente, Fabiola García recibe 66.817,92 € polo seu posto de conselleira de Política Social. Mais na casa da conselleira con competencia nas residencias de maiores ou na RISGA entra outro salario da Xunta. O seu marido, Lucas Martinón, persoa do círculo de confianza do presidente leva desde 2013 como director xeral de comunicación. Por dito cargo recibe un total de 59.750,20 € ao ano.
Fronte a esta zarracina non queda máis que organizarnos e buscar respostas desde abaixo que superen un sistema destrutor de vida. Ante a morea de faragullas esiximos dereitos fortes como a Renda Básica das iguais e moito máis.
Xullo 2020