A loita pola apertura do Centro de Emerxencia Social segue aberta e neste caso o Grupo de autoapoio VIH/Sida e Adiccións "O Imán" da Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Vigo convoca a partir das 21h00 do 26 de abril, unha acampada na Praza do Rei, que se prolongará en principio durante dez noites consecutivas, para esixir a INMEDIATA APERTURA DO CENTRO DE EMERXENCIA SOCIAL en Vigo.
Ante a demora insoportable que está a sufrir por parte dos responsables autonómicos e locais a posta en marcha de dito servicio, que consideramos de máxima urxencia, un grupo de persoas solidarias con esta causa, convocadas por O Imán, pernoctará en tendas de campaña xunto ao Concello de Vigo durante as próximas dez noites. O horario da mobilización será todos os días dende as 21:00 horas da noite ata as 12:00 horas da mañá seguinte. Ao cabo destes primeiros dez días, o grupo convocante avaliará a situación para decidir acerca da continuidade ou non da acampada.
O obxectivo final desta nova mobilización non é outro que chamar unha vez máis a atención sobre a actitude fondamente irresponsable que as administracións públicas competentes, Xunta de Galicia e Concello de Vigo, están a manter con respecto a este asunto, e esixirlles que cumpran os compromisos políticos adquiridos e que dunha vez por todas poñan os medios necesarios para facer posible a creación e inmediata apertura dun Centro de Emerxencia Social de titularidade pública no que se preste unha atención integral ás persoas sen teito da nosa cidade.