Dereitos só para unha minoría? en Fervenzas, revista galega de Traballo Social

Fervenzas, a revista galega de traballo social que edita o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia acaba de saír do prelo. No número 16 recolle a nosa participación dentro da sección chamada "Espazo Aberto" cun texto que leva por título: Dereitos só para unha minoría? e que aquí compartimos:

Neste artigo queremos presentar a experiencia da Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS-Coia), punto de información e denuncia de dereitos sociais que desde finais do ano 2007 comezou a funcionar neste barrio vigués.

Nacer e vivir en Coia implica para a xente da ODS-Coia[1] asumir a historia dun barrio obreiro, neste caso, espazo creado nos anos 60 respondendo á necesidade de man de obra que precisaba a industria da cidade (Citroën, Vulcano, Barreras...).

Desde o comezo, os habitantes de Coia souberon das dificultades para chegar a fin de mes, sufriron e sofren pola adicción ás drogas, coñeceron o paro -non como dato estatístico- e o emprego en precario como realidade diaria de moita da súa veciñanza. Esta crúa realidade fixo que desde o inicio a xente tomase conciencia e que, como di Manolo S. Bayona, compañeiro de Baladre “Coordinación de loitas contra o paro, o empobrecemento e a exclusión social”[2], entendésemos que: “xuntas a calquera parte, soas a ningunha”[3]. Isto levou a que a veciñanza se organizase en asembleas e asociacións e celebrase festas populares para conseguir que nas rúas se loitase pola VIDA.

Estas loitas no barrio, e as reflexións que nos provocaban, fixeron que nos atopásemos con outros colectivos e xentes. Nós desenvolviamos as nosas accións no barrio dentro da comunidade cristiá do Cristo da Victoria de Coia[4], igrexa de base que desde a teoloxía da liberación continúa articulando moitas das loitas e resistencias das veciñas e veciños do barrio. Logo, en Vigo, tamén levamos a cabo accións conxuntas co Grupo de Axitación Social (GAS)[5], "colectivo de resistencia ao capitalismo, que centra a súa actividade no eido local, a reinvindicación de dereitos sociais, o reparto da riqueza e o rexeitamento do militarismo e do desarrollismo", e xa fóra dos límites da cidade, coas xentes de Baladre que levan trinta anos enredando ao redor destes asuntos.

De xeito rápido, pasamos polas orixes da ODS-Coia que deron como resultado a aparición dun punto de información e denuncia de dereitos sociais en Coia, á imaxe dos que xa estaban a funcionar noutros territorios do Estado e co afán de ser unha ferramenta para alentar o apoio mutuo real entre a xente dos nosos barrios. Xirando ao redor do intercambio de información sobre axudas sociais, de visibilizar/denunciar o empobrecemento e de buscar respostas colectivas fronte á exclusión e á perda de dereitos; sempre na procura de  xerar relacións coa poboación non mobilizada e os colectivos sociais, sen os que entendemos que non é posible levar a cabo ningún proceso de cambio que desborde o sistema capitalista que nos oprime e destrúe a vida.

E sen moita máis estrutura cá dos nosos corpos, sen máis entidade cá da comunidade, na que moitas tamén participamos noutras tarefas, e ocupando o espazo físico que a parroquia do Cristo da Victoria ten na rúa Baiona 9, en Coia, Vigo, en setembro de 2007 comezamos a andaina, cun día e hora de atención (luns de 17h00 a 19h00) que mantemos ata a data.

A tarefa que tratamos de desenvolver pasa por:

- Ofrecer información alternativa sobre prestacións sociais (tipos de axudas, contías, requisitos, documentación, onde dirixirse...).

- Visualizar e denunciar a dor e a miseria, no medio da riqueza duns poucos, a través de campañas, actos de rúa, escritos...

- Artellar respostas colectivas e desde abaixo fronte ao capitalismo.

No último ano e medio o número de persoas que acode á ODS-Coia non para de medrar. O aumento do desemprego, a falta de respostas das administracións ‒en especial dos servizos sociais‒, o crecemento da desigualdade, a carreira de obstáculos que hai que pasar para acceder ás axudas sociais, unida ao encarecemento da vida, están a provocar que a xente se faga preguntas e busque solucións ante a perda de dereitos.

Cansas de sufrir na miseria que nos deixa este sistema fracasado, que por boca dos servizos sociais non para de repetirnos que "non hai cartos", desde a ODS-Coia decidimos dar un paso cara adiante unindo forzas para que se cumpran os dereitos de todas. É moi grave que respostas como estas as teñan que escoitar persoas ou familias que só procuran solucións ante a insuficiencia de recursos, nun Estado que se di Social. O problema da maioría está en que sen eses cartos non pode pagar vivenda, nin recibos de luz, nin medicinas, nin os gastos escolares... Como dicía unha muller nunha das entrevistas “por desgraza, o único que che fai falla para vivir son cartos” e semella que os servizos sociais poucos teñen para unha maioría cada día máis empobrecida.

Pero algunhas non temos tan claro iso de que “non hai cartos”. Non hai máis que ver os datos do que deixan de recadar cos impostos que perdoan ás operacións financeiras e ás grandes fortunas, os datos de fuga de capitais a paraísos fiscais ou os usos que lle dan aos cartos que si teñen e que van sempre orientados a que esta idea de economía fracasada, autodestrutiva e inimiga das persoas siga funcionando e xerando miseria e explotación. Por exemplo, usándoa para pagar a débeda froito da especulación da banca ou a mensaxe que deixan novas coma estas:

- “A Xunta gastará 11 millóns para patrocinar dúas furgonetas de Citroën”[6]: en tempos de recorte do gasto público chama a atención este patrocinio. Máis aínda cando o orzamento da Xunta na RISGA para o 2012 foi de 32,5 millóns de euros[7].

- “O Goberno endebedarase para pagar 1.780 millóns de euros en mísiles, obuses e cazas”[8]: como avisa a xente de Utopía Contagiosa[9] “o goberno español, ás portas do rescate económico e dun maior desmantelamento do estado de benestar, aprobou un crédito ao ministerio de defensa de 1.782 millóns de euros para pagar parte da débeda en armamento (36.000 millóns de euros que o exército debe ás industrias militares”.

Son dous exemplos máis, de moitos, que din ás claras que os cartos están, pero que se moven ‒en grandes contías‒ polos petos dunha minoría que cada vez precisa de máis espazo para os seus negocios.

Ante esta realidade de tremenda inxustiza, no último ano sentimos a necesidade de comezar a reunirnos quincenalmente para tentar artellar respostas man a man coas persoas que desde hai tempo se achegaban á ODS-Coia ou á parroquia buscando solucións aos seus problemas de precariedade e crecente empobrecemento. Desas xuntanzas xurdiu, entre outras iniciativas, a campaña “Vivir dignamente é un dereito”[10], coa que pretendiamos denunciar esa realidade dramática que estaban a padecer moitas familias no noso barrio e en toda a cidade a través da presentación masiva dun escrito exercendo o dereito de petición perante a Xunta e o Concello. Neste escrito a persoa asinante expoñía as súas circunstancias económicas e sociais e solicitaba unha renda básica que permitise satisfacer con dignidade as súas necesidades elementais. Tras uns meses cheos de actividades de denuncia e sensibilización, a campaña culminou a finais de xuño coa entrega colectiva nos rexistros da Xunta de Galicia e do Concello de Vigo do centenar de follas de denuncia social que logramos recoller.

Sen dúbida, para ODS-Coia, e para moitos grupos e persoas, a Renda Básica das iguais (RBis) é unha ferramenta axeitada para tratar de parir outro mundo, outra sociedade que supere inxustizas, desigualdades, pobrezas...

Temos claro que non podiamos falar das empobrecidas sen facelo primeiro do problema social que supón que a riqueza de todas estea en mans dunha minoría. Por iso entendemos que a RBis serve a curto prazo para repartir a riqueza de todas as persoas e a longo prazo para superar o capitalismo e construír outra sociedade con parámetros de equidade e xustiza social.

Atendendo a estas razóns e a moitas máis, definimos a RBis[11] como o dereito que ten cada cidadán e cada cidadá, polo feito de nacer, a percibir unha cantidade periódica para cubrir as súas necesidades materiais. Non ten nada que ver coas persoas empobrecidas, senón coa redistribución da riqueza.

E poñémoslle ademais as seguintes características que fan que a RBis non teña nada que ver coas rendas mínimas (RISGA en Galiza):

- Individual: non familiar.

- Universal: non contributiva e para todas as persoas.

- Incondicional: independente do nivel de ingresos e do mercado de traballo.

- Suficiente: a contía ha de ser polo menos igual ao limiar de pobreza e cada persoa ha de recibir a mesma cantidade.

- Unha parte da RBis percibirase en man e a outra en forma de bens de uso colectivo. Por exemplo: cobrariase o 80%, que sería monetario e individual, e o 20% iría para o fondo renda básica.

En decembro de 2012 presentabamos en Galiza[12], con Baladre e máis xentes, o libro “Repartindo a nosa riqueza. Estudo de viabilidade da Renda Básica das Iguais en Galiza"[13], e con el o traballo de varios anos co fin de dar a coñecer este instrumento, pero tamén para amosar a súa viabilidade tanto política como económica nesta parte do mundo.

Polo momento esta é a nosa tarefa, unha pequena trincheira que nos anima a seguir no camiño coa compaña doutras e na que queremos ver que unha luz anuncia o día.[14]

.:.

[1] Para máis información consultar: odscoia.arkipelagos.net

[2] Para máis información consultar: www.coordinacionbaladre.org

[3] "Juntas a cualquier parte, solas a ninguna", Manolo S. Bayona. Publicado en: http://odscoia.arkipelagos.net/content/%E2%80%9Cjuntas-cualquier-parte-s...

[4] Para máis información consultar: www.comunidadebasecoia.org

[5] Para máis información consultar: grupodeaxitacionsocial.blogspot.com.es

[6] Fonte: ccaa.elpais.com/ccaa/2012/09/13/galicia/1347563971_037827.html

[7] Fonte: ccaa.elpais.com/ccaa/2012/12/26/galicia/1356553111_270787.html

[8] Fonte: www.publico.es/espana/442088/el-gobierno-se-endeudara-para-pagar-1-780-m...

[9] Fonte: utopiacontagiosa.wordpress.com/2012/09/10/el-gobierno-espanol-aprueba-un-nuevo-incremento-del-presupuesto-de-defensa

[10] http://odscoia.arkipelagos.net/content/asina-folla-de-denuncia-social-pa...

[11] Para afondar no tema visitar a web de José Iglesias Fernández: www.rentabasica.net, onde hai artigos, vídeos, referencias bibliográficas e moitas máis cousas sobre a RBis.

[12] http://odscoia.arkipelagos.net/content/presentaci%C3%B3n-do-estudo-de-vi...

[13] Lores, D., García, E., Sáez, M. (coords.); Iglesias, J., Molina, S., Fidalgo, M., Medina, L., Pérez, S., Fonte, P. e Seco, L. (2012) Repartindo a nosa riqueza. Estudo de viabilidade da Renda Básica das Iguais en Galiza. Málaga: Baladre, Zambra, Lapsus, ODS-Coia, GAS.

[14] Dun poema de Celso Emilio Ferreiro: "Aquelo que eu prefería,/revolución, canto tarda./Mais o meu anceio agarda/unha luz que anúncia ó día"