Onte lanzamos xunto a unha ducía de entidades do país a campaña: "Nin RISGA, nin Ingreso Mínimo Vital. RENDA BÁSICA XA!". Achegamos unha comparativa entre a RISGA e a Renda Básica:
A RISGA non serve por:
1) contía miserenta: importe medio de 439 € en 2019.
2) camiño de obstáculos burocráticos: 4 meses de media para tramitala, nas grandes vilas, como Vigo, as esperas poden chegar aos 9 meses.
3) escasa cobertura: algo máis de 10.000 persoas cobran a RISGA en 2020, fronte as 470.000 que se atopan en situación de exclusión social, das cales 226.946 persoas malviven en situación de exclusión severa segundo Cáritas.
4) prestación por unidade de convivencia: que implica unha morea de atrancos se compartes vivenda con persoas que teñen ingresos ou con familiares que reciben axudas.
Fronte a isto esiximos un novo dereito, a RENDA BÁSICA:
1) suficiente: cunha contía que permita vivir cuns mínimos de dignidade, nunca por baixo do limiar da pobreza.
2) universal: dereito a unha renda individual para todas as persoas.
3) incondicional: sen contraprestacións e ao marxe das circunstancias de cada quen.
4) a renda básica permitiríanos ter unhas mínimas condicións materiais para a conquista colectiva de máis dereitos.