Un gran número de persoas, que chegou en varios momentos da xornada ao centenar, levamos a cabo o sábado 15 un peche de 12 horas nos baixos da parroquia Cristo da Victoria cun dobre obxectivo: compartir unha xornada de convivencia e reflexión, e denunciar publicamente unha vez máis a situación de indefensión na que nos atopamos a cidadanía pola falta de solucións das administracións públicas ante o crecente empobrecemento do que somos vítimas.
Convocadas pola Oficina de Dereitos Sociais-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria, a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH), o Grupo de Axitación Social (GAS) e o Colectivo Imán, pechámonos, dende as loitas cotiás e comúns destes colectivos, porque nos pechan todas as portas; pechámonos, aínda que pareza paradoxo, para que os responsables políticos e a sociedade toda nos vexan e nos escoiten;
pechámonos, en fin, para reivindicar o noso dereito a vivir dignamente ao tempo que compartimos un espazo privilexiado de encontro coa finalidade de buscar e construír entre todas alternativas xustas e posibles fronte a exclusión e a precariedade que pretenden impoñernos.
Pola mañá compartimos información e experiencias nun obradoiro sobre as axudas sociais autonómicas e municipais, e despois o Colectivo Imán falounos do Programa Sereos do Casco Vello e do conflito xurdido polo peche do local onde era desenvolvido o traballo diario. Tras o xantar común, reflexionamos a partir da proxección do documental “La plataforma”, que da conta das orixes e do traballo realizado pola PAH (Plataforma de Afectados por la Hipoteca). A media tarde o grupo de rap formado por rapaces do barrio de Coia “Ostiapadre” interpretou para nós as súas letras críticas co sistema; e finalmente puxemos fin á reflexión cunha charla-coloquio onde se pretendían achegar algunhas alternativas reais á situación actual de empobrecemento e precariedade, coa presentación, por parte da PAH e da ODS-Coia, de dúas Iniciativas Lexislativas Populares (ILP) que están a impulsar respectivamente: a ILP de Vivenda e a ILP da Renda Básica. A xornada rematou cunha cea compartida e a intuición de que, na loita cidadá polo dereitos sociais, compartir espazos, experiencias e iniciativas, nos enche de novas forzas a todas as persoas e colectivos implicados.
Imaxes da xornada: www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157641072923895
Así recolleu o #peche a prensa:
- Faro de Vigo: www.farodevigo.es/gran-vigo/2014/02/16/encierro-colectivos-sociales-pedir-soluciones/968340.html
- La Voz de Galicia: www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2014/02/16/encierro-coia-reclamar-administraciones-derecho-vivir-forma-digna/0003_201402V16C8991.htm#.UwB3owZWrKA.twitter?idioma=galego
- Atlántico: www.atlantico.net/articulo/vigo/centenar-personas-encierran-coia-crisis/20140216021841402761.html
- Sermos Galiza: www.sermosgaliza.com/articulo/social/estamos-pechad-s-nos-escoite-denunciar-cada-vez-mais-persoas-quedan-excluidas/20140215124057024187.html
- Noticias Vigo: www.noticiasvigo.es/cronica-peche-sabado-15-vivir-dignamente-e-un-dereito
- Diario Liberdade: www.diarioliberdade.org/artigos-em-destaque/400-reportagens/46130-numerosos-vizinhos-e-vizinhas-de-coia-ocupam-par%25C3%25B3quia-viguesa-polo-direito-a-viver-dignamente.html