Crónica do acto de entrega das follas de denuncia social da campaña “Vivir dignamente é un dereito”

Hoxe 27 de xuño preto de 80 persoas convocadas pola Parroquia Cristo da Victoria, a ODS-Coia e o Grupo de Axitación Social (GAS) nos achegamos ao Concello de Vigo e á Xunta de Galicia para entregar nos seus rexistros o centenar de follas de denuncia social que recollimos na campaña “Vivir dignamente é un dereito”, que ten como obxectivo denunciar o crecente empobrecemento que sufrimos inxustamente unha gran parte da cidadanía e esixir ás institucións públicas que cumpran coa súa obriga de garantir o dereito de todas as persoas a unha vida digna.

Tras uns meses cheos de actividades de denuncia e sensibilización en torno a esta campaña, esta mañá acudimos ao Concello e á Xunta para facer entrega das 100 primeiras solicitudes asinadas por persoas que decidiron dar o paso de expoñer a dramática realidade de insuficiencia de recursos económicos que están a padecer as súas familias e de esixir por escrito á Xunta e ao Concello unha Renda Básica que lles permita vivir con dignidade.

Baixo o lema "Coa que está a caer, Renda Básica XA" marchamos dende o Concello ata a Xunta protexidos por paraugas e parasois, para lembrar aos políticos no poder a súa obriga de garantir o dereito de todas as persoas a ter os ingresos suficientes para cubrir as necesidades básicas.

Na Xunta atopamos atrancos á hora de entregar as follas de denuncia social, pois membros da Policía Nacional e a seguridade privada nos impediron o acceso ó vestíbulo do edificio da Xunta argumentando que só unha persoa podía acceder ao mesmo para entregar todas as solicitudes. Nós insistimos no noso dereito de acceder ao vestíbulo e agardar nel mentres un representante do colectivo entregaba as follas no rexistro, pero ante a negativa das forzas de seguridade, optamos por tentar entrar cada persoa a entregar unha das peticións de xeito individual. Aínda así continuaron a nos impedir a entrada ao edificio e só tras moito negociar conseguimos entrar aos poucos a facer entrega das solicitudes.

Achegamos o seguinte enlace algunhas imaxes do acto: http://www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157634354067425

Vídeos do acto por cortesía de Fran Riveiro: http://youtu.be/nPpErTLyMh4 - http://youtu.be/2eQcGUooNFk - http://youtu.be/B9uxANCt9kw - http://youtu.be/wNQrJX8jkn4 - http://youtu.be/lvXlooFAuEY - http://youtu.be/udpEI6Tszh0 - http://youtu.be/2GTy0Gl6bUY - http://youtu.be/LHX88qRg9ko

A nova do acto na Faro de Vigo e La Voz de Galicia.