Como lembramos noutras ocasións nas mans do departamento de Benestar Social do concello de Vigo está que accedamos (ou non) ás escasas axudas sociais existentes, tanto da Xunta como do propio concello. Os meses de agarda por unha RISGA, polo “cheque social”, por unha Axuda de Emerxencia Municipal (AEM)… súmanse ás distintas violencias que sofren acotío cada vez máis persoas: precariedade, recortes, desemprego, desmantelamento dos servizos públicos…
No referido ás AEM temos constancia nos últimos meses de situacións que, aínda que puntuais, non son anecdóticas ao amosaren que este departamento apenas fixo cambios na xestión destas axudas, a pesar dos seus compromisos coa veciñanza. Nas UTS seguimos a escoitar que “non hai cartos” no departamento que dirixe Isaura Abelairas, seguimos a padecer arbitrariedade na tramitación, seguimos a coñecer AEM que non se tramitaron por esquecementos, seguimos a escoitar que esa solicitude “non é unha urxencia”…
Estamos cansas e fartas de sufrir o mal funcionamento dos servizos sociais do concello de Vigo. Levamos moitos meses denunciándoo publicamente: en concentracións, con textos, en charlas, nos medios de comunicación… Un tempo no que tamén mantivemos xuntanzas con responsables políticos e técnicos do departamento de Benestar Social… e as cousas están igual ou peor que cando iniciamos esta andaina colectiva en defensa dos dereitos sociais. Agora xa non queren escoitar as nosas demandas, cortaron toda comunicación coas persoas en situación de precariedade e parecen cada vez máis agochados na súa torre de marfil. Como os famosos tres monos que tapan ollos, orellas e boca, no concello de Vigo non queren ver a miseria que están a provocar, non queren escoitar as denuncias das persoas empobrecidas e non queren falar da súa incompetencia. Pero nós non imos calar xamais, porque a nosa dignidade está por enriba da súa cobiza, porque precisamos, pedimos, esiximos, agora e sempre, unha vida digna para todas!
Coia, setembro 2014
ODS-Coia e Parroquia Cristo da Vitoria