A Oficina de Dereitos Sociais-Coia e a Parroquia Cristo da Victoria lanzamos a campaña: Vivir dignamente é un dereito! Asina a folla de denuncia social para esixir ao Concello e á Xunta que cumpran coa súa obriga de garantir este dereito.
Esta iniciativa que ten coma obxectivo denunciar o crecente empobrecemento que están a padecer un gran número de persoas no noso barrio e en toda a cidade, así como esixir ás administracións públicas que cumpran coa súa obriga de garantir que todas vivamos con dignidade sen que sexan vulnerados os nosos dereitos fundamentais.
O instrumento ideado para levar a cabo esta denuncia é a presentación masiva dun escrito exercendo o dereito de petición perante as administracións públicas con competencia en materia de servizos sociais (Xunta e Concello); escrito onde o asinante expón as súas circunstancias económicas e sociais e solicita unha Renda Básica que permita satisfacer con dignidade as súas necesidades básicas.
Nestes momentos nos que a brutal dinámica que impón o sistema capitalista dominante, preocupado por salvagardar intereses mercantilistas e financeiros, fai que, quizáis máis que nunca, a riqueza de todas se acumule en mans dunha minoría mentres a maioría carece do indispensable para vivir dignamente, é de xustiza esixir ás institucións públicas que se fagan responsables do benestar da cidadanía e que garantan, con políticas activas de integración e asistencia, e co reparto equitativo dos recursos, que todas as persoas vivan en condicións de igualdade e dignidade. Por todo isto esiximos unha Renda Básica que permita cubrir as necesidades básicas, cunha contía non inferior ao limiar da pobreza (863€/mes) e que ademais de percibirse de xeito individual sexa universal e incondicional.
O modelo de escrito podedes recollelo e entregalo cuberto na ODS-Coia (locais da parroquia Cristo da Victoria, r/ Baiona 9, baixo; luns de 17 a 19 horas), tamén o podedes descargar na nosa web. A ODS-Coia será a encargada da entrega conxunta de todas as solicitudes, aproveitando tanto o momento da entrega como o da expiración do prazo que ten a administración para respostar (tres meses) para denunciar publicamente a situación de empobrecemento e de abandono por parte das institucións que está a sufrir gran parte da cidadanía.
Esíxelles o que xa debería ser un dereito, Renda Básica para todas!
Coia, abril 2013
---
Instrucións para encher o apartado ALEGACIÓNS DE FEITO
Antes de enchelo pensa como podes explicar a túa situación de xeito claro e sinxelo e de forma que te atopes cómodo/a ao contalo.
Propoñemos que sigas este esquema:
- Presenta a túa situación familiar: canto sodes na casa, idade...
- Ingresos da unidade familiar: de traballar apunta canto ganas, de estares no paro sinala as axudas sociais que cobras e a contía das mesmas (RISGA, RAI, PNC) e se non tes ingresos fala das axudas que solicitaches e a resposta que che deron: agardar, non te corresponden....
- Vivenda: onde e como vives, é dicir, vives de aluguer, en propiedade, con algún familiar. Anota tamén os gastos por subministros: luz, auga, gas, comunidade...
Achegamos un exemplo:
O meu nome é Socorro Pérez Lousada. A miña unidade familiar está formada pola miña parella de 35 anos e as nosas fillas de 3 e 8 anos que están ao noso cargo.
Que vivimos en réxime de alugar, polo que pagamos 350€/mes e, ademais temos que facer fronte aos gastos de alimentación, vestimenta etc. Ante a insuficiencia de ingresos debemos un mes e medios de aluguer ao propietario.
Dentro dos gastos da vivenda incluímos tamén a luz, o butano e a comunidade; que nos supoñen unha media de 100€/mes.