"Apostar por unha vida digna, apostar pola RBis", Mari Fidalgo

O día 14 de decembro vai facer un ano da presentación en Compostela de "Repartindo a nosa riqueza. Estudo de viabilidade da renda básica das iguais en Galiza". Aproveitamos para contarvos que o podedes adquirir en Vigo na Cova dos Ratos, ODS-Coia e nas librarías Mendinho e Andel por 10€.

Para celebrar que o aniversario deste libro imos publicar unha serie de textos que introducen a materia. O primeiro deles, é o elaborado por Mari Fidalgo leva por título: "Apostar por unha vida digna, apostar pola RBis". Aquí o tedes:

"Apostar por unha vida digna, apostar pola RBis"

Toda loita se labra no decorrer dun proceso histórico. Aquilo que hoxe reivindicamos é froito das reclamacións, sentires, soños e rebeldías que outrora viviron outras moitas xentes.

Recoñecer o valor e as contribucións daquelas que antes puxeron corpo e esperanzas en diferentes experiencias de organización e mobilización, supón asumir que mentres perduren a opresión, a inxustiza e a violencia, asentadas na mesma raíz bifurcada que representan o capitalismo e o heteropatriarcado, as súas loitas son e serán as nosas.

Esa práctica de recoñecemento, de rescate da historia desde a perspectiva dos micro relatos, das resistencias cotiás, das narrativas e realidades que se atopan nas marxes e nos intersticios, e que permite situarnos politicamente no presente, semella un factor propio da cultura baladrina. Fraguado seguramente de xeito espontáneo e nada deliberado nin consciente, mais igualmente distintivo, identificador, valioso.

Unha singularidade organizativa que nos alerta da importancia de evocar, agradecer e valorar as achegas de saberes, traballo e compromiso que fixeron outras persoas, abrindo camiños, xerando posibilidades e permitíndonos formular propostas como a Renda Básica das Iguais (a partires de aquí, RBis). Un paso máis na loita por arrincarlle ao poder o dereito a vivir dignamente, para construír xustiza social desde abaixo, desde a heteroxeneidade, diversidade e autoorganización.

Por ese motivo, e porque indagar na memoria da nosa construción, tanto individual como colectiva, é escribir con letra propia a nosa historia conferíndolle un significado conscientemente novo, é existencializarse, este texto parte do desembarazar da madeixa da memoria. Regresar á primeira toma de contacto con esta ferramenta de transformación e, por extensión, coas xentes de Baladre. E nesta viaxe recuperar as sensacións, interrogantes e estímulos suscitados por aquela descuberta, así como o posterior proceso de reelaboración persoal da proposta, extraendo dela aqueles elementos máis vinculados aos temas e ámbitos de actuación que me interesan, relacionándoa con razoamentos paralelos, descubrindo novas conexións. En definitiva, facéndoa propia.

Entendo que narrar esta traxectoria de achegamento a unha dada proposta desde a experiencia particular e directa pode ser útil á hora de que cada lectora ou lector poida emprender o seu propio proceso de asimilación e vinculación da RBis coa súa realidade concreta, e que tal traballo de elaboración e apropiación de calquera reivindicación é un factor importante á hora de poñer en marcha procesos de transformación social.

Tirando do fío...

Revivir esas primeiras impresións é retrotraernos ao ano 2009, concretamente ao local da Asociación Veciñal A Xuntanza, situado no compostelán barrio de San Pedro. Alí tivo lugar un dos grupos de discusión dirixido a recadar información para o estudo de viabilidade de aplicación da RBis en Galiza.

O convite para participar chegara poucos días antes a través do Foro da Inmigración e por intermediación da asociación A Xuntanza, que colaborou na difusión do encontro e na busca dun grupo que fose o máis diverso posíbel en canto a perfís, situación laboral e vital, expectativas, etc.

Aínda que daquela xa asumía que non me axustaba ao imaxinario de migrante que se acostuma manexar, entendía necesario achegar un enfoque e discurso ancorado na interculturalidade a este tipo de espazos, co fin de facer máis polifónicas as análises e debates. Mais sobre todo motivoume a posibilidade de seguir tecendo relacións coa veciñanza da cidade á que cheguei hai oito anos e coñecer puntos de vista e traxectorias de vida diferentes.

Recordo que, de entrada, sorprendeume gratamente a metodoloxía adoptada, polo que tiña de arrecendo a pedagoxía popular. Acostumada como estaba a participar nos experimentos e peripecias que profesionais do mundo social e académico dirixen á comunidade migrante co fin de diagnosticar, intervir e promover, paradoxalmente, a nosa integración nunha sociedade enferma e (esta si) inadaptada ás necesidades das persoas e aos límites ambientais, era previsíbel atoparme con outro exercicio de capitulación aos intereses do poder e os seus aparellos de xestión.

Non foi así. O feito de partir das ideas previas e saberes das participantes acerca da realidade socioeconómica da comarca, de fluír a través de preguntas disparadoras e de dinamizar a discusión deixando espazo para que cada quen puidese ofrecer a súa visión e dialogar cando había puntos de discrepancia, ofrecía un escenario de compromiso político e de vontade de transformación nada aséptico. Un escenario que convidaba, a partir da troca de opinións e experiencias, a unha aprendizaxe colectiva.

Primeiro unha aprendizaxe sobre a realidade, o contexto de vida e a percepción que outras veciñas posuían do territorio que habitamos desde unha perspectiva económica, social e comunitaria, conformando unha sorte de trama que enriquecía e complicaba o punto de partida para comezar a pensar unha ferramenta de construción de equidade.

Pola súa parte, a explicación da proposta de distribución da renda tras o debate grupal xerou dúbidas, novas discusións e mesmo algunha incredulidade, revelando a madeira de utopía necesaria que encarna a RBis como ferramenta de mudanza.

Mais foi a pregunta lanzada ao final do encontro a que cobrou, ao menos para min, un sentido revelador: Cambiarían as nosas vidas coa implantación da RBis? Que fariamos ou que deixariamos de facer no caso de que ese dereito fose unha realidade?

Dar valor ao persoal e facelo político

Esa pregunta seguiu resoando en min tempos despois e deu lugar a moitas outros auto cuestionamentos e algunhas descubertas, abrindo espazos a un proceso de reflexión individual que, considero, debe darse de forma complementaria e dialéctica á acción colectiva.

Unha mudanza que permitiu repensar o lugar que ocupaba o traballo asalariado na miña vida; a formularme cuestións sobre o que realmente quería e me reportaba pracer facer, sobre os coñecementos e habilidades que adquirira e a servizo de que obxectivos estaba disposta a mobilizalas; a indagar sobre as loitas nas que estaba implicada e como estas se vertebraban co meu proxecto profesional e vital.

A alimentar todas esas reflexións contribuíu a lectura do libro “Luchas e resistencias desde nuestros pueblos y barrios”, que chegara ás miñas mans no primeiro encontro con Baladre. Unha lectura que me marcou pola discusión que presenta acerca da necesidade de desprofesionalizar a acción social, pola crítica ao papel funcional que asumen moitas das profesionais desta rama ao mantemento da orde establecida e aos intereses das clases propietarias, actuando como muro de contención para os procesos de organización e mobilización popular.

Uns textos que accionaron a reconstrución da miña andaina sociopolítica ao destacar a importancia de construír un marco de relación horizontal, erixindo alianzas desde abaixo coas persoas, grupos e comunidades, partindo do común, que é o feito de que tamén nós estamos atravesadas -por moito que as caretas da opresión semellen diferentes- polo sistema capitalista e heteropatriarcal, traballando á súa vez as diferenzas para construír consensos e articular resistencias sen perder o norte ideolóxico, nin a radicalidade crítica.

Deixar a un lado a frustración e desasosego resultantes ao constatar que, en palabras da compañeira Manolo S. Bayona, “gústalles o capitalismo e ódiannos”1, para asumir que calquera enunciado colectivo, calquera de nós, “constrúese no proceso de loita, na afirmación de valores, ideas e institucións propias”. Entender que para facer da rebeldía algo máis que un desexo é preciso crear condicións, apostar polos procesos e experimentar con novos ámbitos de autonomía, organización e relación.

Ese bosque de cuestionamentos e achados entrelazaba cun proceso de revisión do estilo de vida, aderezado por ideas vencelladas ao consumo crítico, ecoloxía e feminismo; de busca dunha maior coherencia entre o discurso e o facer anticapitalista, de experimentar con outros modos de vida máis sinxelos e consecuentes coa crítica ao actual modelo. Mais tamén de traballar valores e actitudes centrais á hora de botar a andar calquera proxecto colectivo, de recrear a vida en comunidade, da xestación de procesos de transformación: cooperación, vínculo, confianza, solidariedade, empatía, comunicación, afectividade, compromiso, constancia, autocrítica...

Esa traxectoria de reconstrución interna, co conseguinte impacto nas relacións e activismos aos que estaba vinculada, foi paralela ao coñecemento da ferramenta da RBis, a mergullar en diferentes textos e traballos que abordan o marco teórico e ético da proposta e que a aplican a unha realidade concreta. E tamén decorreu ao mesmo tempo no que avanzaba o enredo coas xentes de Baladre, posibilitando o coñecemento de diferentes olladas sobre a mesma proposta, desde a singularidade, eidos de traballo e obxectivos de diversos grupos e territorios.

A constatación da riqueza propositiva que presenta a RBis, construída en base a uns alicerces teóricos e políticos firmes, mais sen restar diversidade ao xeito como cada colectivo leva a ferramenta ao seu terreo e a conecta coas súas loitas, reivindicacións e realidades propias, permitiume extraer os elementos e potencialidades que semellan máis atractivos e que se vencellan máis directamente aos ámbitos de activismo nos que estou implicada.

RBis como catalizadora de procesos

Un deles é o potencial pedagóxico apuntado ao principio deste texto e que, entendo, vai ligado inexorabelmente ao proceso de loita para a materialización da RBis.

Ao tratarse dunha proposta que xorde das necesidades, debates e articulación de grupos de base -enriquecida polas achegas teóricas e técnicas que avalan a súa viabilidade-, e que colide directamente cos intereses de perpetuación do actual sistema, a implementación da RBis require loita. E toda loita é tamén un proceso social e un proceso pedagóxico. “Não há briga política que não seja isso”, alertaba Freire.

Como calquera loita, a pelexa por facer da RBis unha realidade implica avances, retrocesos, marchar a paso lento nalgunhas ocasións... Mais sobre todo supón expoñer, explicar, debater, relacionar, revisar, reformular, facer e facerse preguntas e tratar sempre de conectar a utilidade e a defensa da ferramenta á experiencia vital das persoas e grupos. Así o demostran os grupos e persoas que este ano botaron a andar a Iniciativa Lexislativa Popular pola Renda Básica en Estremadura, a experiencia da Asemblea Canaria polo Reparto da Riqueza e tantas outras en distintos puntos do Estado.

Toda unha tarefa pedagóxica que posibilita pensar sobre temas que dificilmente atopan lugar na axenda de discusións de moitos colectivos e menos aínda para o conxunto da poboación, ou que acotío se asumen como axiomas sobre os cales pouca ou ningunha discusión cabe dar.

A centralidade do emprego e a súa consideración como elemento preferente da xeración de dereitos; o factor de explotación e alienación que aquel supón no marco capitalista e os discursos de corte moralista que tratan de lexitimalo como fonte de dignidade, socialización e sentido de utilidade social; a lóxica de dominación e suxeición baixo as que operan os mecanismos de regulación do mercado de traballo e mantemento do sistema; o carácter colectivo ―e non exclusivamente individual― da produción de valor e riqueza, que deriva na necesidade de transcender os sistemas de retribución meritocráticos; todos esas ideas e moitas máis teñen cabida á hora de reflexionar e debater sobre a conveniencia e o impacto da implementación da RBis.

Do dereito ao emprego ao dereito a vivir dignamente

A análise do papel central que xoga o emprego no marco capitalista actual e a súa incapacidade á hora de garantir condicións de vida digna e en liberdade que ofrece a proposta da RBis, ten unha vinculación directa coas premisas da economía feminista e da súa crítica á visión androcéntrica que predominou na ciencia económica, así como nas demais disciplinas.

Visión que se caracteriza por considerar o mercado, como espazo público económico privilexiado, e o traballo asalariado, ambos como elementos centrais nas súas análises, obviando todas aquelas actividades que teñen lugar no chamado espazo privado, como son os fogares, ou non sometidas a intercambios monetarios (traballo voluntario, comunitario, etc.), pese a que estas xogan un papel central na satisfacción de necesidades e benestar das persoas.

Así, a economía feminista asume que as relacións de xénero, ao igual que outras xerarquías de poder, atravesan o sistema económico, dando lugar a unha pugna entre dúas lóxicas opostas: a dos mercados e a do capital, dirixida á acumulación de beneficio versus a dos coidados, que prima a sustentabilidade da vida.

Coincide pois co suposto central en torno ao que se constrúe a proposta da RBis: emprego e traballo non son sinónimos, posto que este último alberga un abano de actividades que se dan á marxe do mercado e son de plena utilidade e valor social. Mediante estas actividades, historicamente desenvolvidas polas mulleres como o traballo doméstico, prodúcense bens e servizos necesarios para a subsistencia e o benestar, moitos dos cales non poden ser solucionados  polo mercado: regulación emocional, socialización, seguridade, coidado da saúde ou en determinados tramos da vida, etc. En palabras de Cristina Carrasco6 estes elementos garanten máis que a subsistencia biolóxica, unha vez que repercuten na nosa calidade de vida, autonomía, afectos e relacións sociais.

José Iglesias e outras voces7 apuntan que para producir riqueza as elites económicas se benefician de recursos que son de propiedade común, empregando pois o que é de índole colectiva para intereses particulares e mesquiños (o que xustifica a pertinencia da RBis á hora de distribuír a riqueza producida).

Desde a perspectiva feminista aplicada á economía tamén se denuncia a invisibilidade que indicadores como o PIB confiren aos bens e servizos producidos polos traballos de coidados, cando é evidente a riqueza que este xera desde unha lóxica non mercantil, contribuíndo á renda e ao benestar dun determinado territorio.

É dicir, se estes traballos que se dan na esfera doméstica e non monetarizada contribúen á riqueza dunha comunidade, é de xustiza que a totalidade de persoas que participan no desenvolvemento destas actividades poidan acceder aos recursos económicos producidos, con independencia doutras condicións como a situación laboral, familiar, nivel de ingresos, etc.

Ao contrario do que sustentaban os enfoques económicos ortodoxos, os bens e servizos necesarios para satisfacer as necesidades humanas esténdense e deberían ser recoñecidos como tal, moito máis alá da reprodución da forza de traballo necesaria para seguir engraxando as engrenaxes do sistema. Manteñen a vida e o benestar de toda a poboación, asunción que rompe co esquema produtivista e utilitarista dominante, preso dun forte sesgo androcéntrico.

Unha comunidade está conformada por persoas que van actuar como forza de traballo e outras que non, xa sexa pola franxa de idade, estado físico ou ben por decisión propia. E todas precisan ser coidadas e ter garantidas unhas condicións de vida saudábeis. A condición de ser humano é o elemento primario da xeración de tal dereito e, a concepción da fraxilidade e interdependencia que caracteriza a nosa existencia, o sustrato para formular propostas que aborden a centralidade da vida como premisa para o reparto da renda e a xustiza social.

Formulacións que permitan satisfacer as necesidades básicas -tanto as materiais, como emocionais, sanitarias, relacionais, culturais, identitarias e políticas- e vivir con dignidade, senón que abran espazos de cuestionamento da orde vixente e permitan avanzar algúns pasos na construción de procesos amplos de transformación social.

Pasar da histórica reivindicación do emprego a que sexa a vida, a existencia humana con dignidade, a que estea no centro das preocupacións políticas e sociais, é facer unha aposta firme pola RBis.

Moitas veces preguntámonos e pregúntannos se será este o tempo de loitar pola RBis cando a avalancha neoliberal está a roubarnos dereitos, servizos básicos, vidas. Non será o tempo de defender o pouco que tiñamos, no canto de aventurarnos en utopías como a Renda Básica das Iguais?, cuestiónannos xentes con intencionalidades varias e tamén cuestionámonos nós, que tratamos de manter o saudábel costume de facérmonos preguntas.

E unha intuición emerxe do fondo da dúbida, mais tamén alá do fondo do soño, da esperanza que albergan todas as que sentimos a urxencia de mudar o mundo.

Se non nos arriscamos agora, vistos os posicionamentos ultra reaccionarios que están a abrollar e a impoñerse no actual contexto de crise e a conseguinte violencia, empobrecemento, enfermidade, marxinación, destrución ambiental e retroceso de dereitos que leva consigo, pode que no futuro xa non teñamos nada que perder.