Nos últimos anos, moitas persoas padecemos sancións (ou estamos na lista de espera) cando, en defensa dos nosos dereitos básicos (sanidade, educación, vivenda, liberdade de expresión, de concentración, de folga, de manifestación e pola dignidade humana) e forzadas por unhas circunstancias das que somos vítimas, sufrimos nas nosas carnes a rigorosidade das leis vixentes e a desproporcionada actuación dos corpos de seguridade do Estado.
O 15M, a PAH, as folgas, as mareas e a cidadanía en xeral dirixiron as súas protestas contra as carencias que todas as persoas padecemos e contra o sistema que as causa. Ante estas protestas "radicais" o poder respondeu coa represión social e política: represión das persoas desposuídas e excluídas, e represión daquelas que protestan.
Desde finais dos anos 80, a lexislación (lei Corcuera, leis de estranxeiría, reformas laborais, etc.) foi restrinxindo os dereitos fundamentais até chegar ás últimas reformas (lei mordaza, reforma do código penal, lei de seguridade privada) que debuxan un panorama no que as liberdades e o dereito á protesta quedaron gravemente lesionados. Sabemos que coa aplicación das súas leis, os de arriba protexen o roubo dos bens comúns e o xenocidio dos pobos. Mátannos... e cando o pobo responde reprímeno; queren que morramos en silencio.
A maioría das represaliadas durante estes anos, e sobre todo desde o ano 2007, son (somos) persoas que desexamos unha vida digna. Somos obreiras, estudantes, amas de casa, pensionistas, traballadoras, que tan só pedimos o que é noso: os medios para poder vivir unha vida digna como corresponde ao ser humano que somos. Medios existen en abundancia, pero sonnos negados á maioría por leis que lexitiman o espolio por parte duns poucos.
Unha solución excepcional para unha situación crítica
Non pedimos que nos perdoen por termos arriscado os nosos soldos e postos de traballo, a nosa seguridade e integridade física perante o que estamos a sufrir. Non pedimos nin clemencia nin indultos, reclamamos e esiximos xustiza social.
Por iso, lanzamos este chamamento para esixir unha AMNISTÍA SOCIAL:
- Para que cesen as represalias contra as persoas, polo só feito de pedir o fin dos desafiuzamentos, buscar comida no lixo, e un longo etcétera de despropósitos que avergoñan a calquera persoa cun mínimo de dignidade.
- Para que SE DERROGUEN DE FORMA INMEDIATA todas as LEIS REPRESORAS e sobre todo das últimas lexisladas (Lei 1/2015 Reforma do Código penal, Lei de Seguridade Cidadá, Lei de Seguridade Privada, Reforma da Lei de Enxuizamento criminal, Lei orgánica 2/2015 Reforma do Código penal en materia de terrorismo,...).
En concreto, a AMNISTÍA SOCIAL supón:
- A supresión de todas as causas abertas nos xulgados, derivadas de accións de protesta contra as políticas de recortes de dereitos laborais e sociais.
- A anulación de todos os procesos e expedientes sancionadores, derivados da intervención dos gobernos, en contra de manifestacións en defensa de dereitos democráticos recoñecidos.
- A liberdade para todas as persoas que desobedeceron as normas ante a situación creada polo actual modelo económico e político.
- A eliminación efectiva de todo cargo delituoso para quen se enfrontou ás intervencións da policía (en desafiuzamentos, folgas xerais e loitas sectoriais ou individuais). Liberdade inmediata para todas as persoas presas por estas causas.
- A desaparición de toda ficha policial ou antecedentes penais arquivados, que se deriven das xustas protestas sociais levadas a cabo, como consecuencia da crise económica.
- A reparación ás persoas máis afectadas pola represión (danos físicos ou secuelas doutro tipo) e esixencia de responsabilidade a quen ordenou intervencións desmedidas, arbitrarias ou de abuso de poder das forzas de seguridade do estado.
- A restauración de todos os dereitos perdidos e cumprimento íntegro de todos os Dereitos Humanos, en especial no caso da infancia e das persoas migrantes. Derrogación da Lei do menor e da Lei de Estranxeiría. Peche dos CIEs, así como o respecto do dereito para decidir.
- A derrogación das ordenanzas que restrinxen o uso do espazo público como lugar de encontro e reivindicación. Tamén aquelas que afectan a persoas "sen fogar" e que viven na rúa, así como aquelas que incumben ás que exercen a prostitución. Non podemos permitir a criminalización de persoas que usan a rúa para buscarse a vida.
- A derrogación das leis que facilitan a cooperación da policía con empresas de seguridade privada; leis que permiten o intercambio dos nosos datos, obtidos baixo unhas actuacións policiais abusivas.
- A erradicación das prácticas policiais abusivas: listas negras, montaxes policiais, torturas, etc.
- Acabar co uso xeneralizado do termo “terrorismo” por parte do aparello lexislativo, político, policial e xudicial. Eliminar o tipo penal por terrorismo aos delitos ideolóxicos que teñen máis que ver coa maneira de pensar que con perigos reais para a poboación.
- Supresión de réxime de incomunicación, máis coñecido como FIES.