Algunhas pinceladas do "Obradoiro da RISGA á RBis"

Hai xusto unha semana tivo lugar en Coia o obradoiro da RISGA á RBis, no que partindo da realidade da RISGA e da falta de axudas sociais queriamos afondar na procura de respostas colectivas a este sistema.

A nosa primeira sorpresa foi o elevado número de persoas que viñeron á xornada, algo máis de trinta persoas chegadas de distintos puntos de Galiza e de ámbitos diversos como: profesional do social -a maioría-, xente de movementos de base, veciños e veciñas de Coia...

Comezaron María e Ana animando a sesión falando da RISGA como ferramenta que non está a resolver os problemas de empobrecemento e desigualdade crecente. A súa introducción crítica ao tema deu paso a intervencións de traballadoras sociais (de atención primaria, do terceiro sector...) e tamén de persoas que a están a percibir. Tras un debate intenso Manolo Saéz presentou o percorrido dende os seus orixes ata a actualidade das rendas mínimas no Estado Español. Isto deu paso a presentar algunhas das ferramentas que poden ser útiles para desbordar o sistema como os puntos de información, a RBis, a mobilización na rúa...

No apartado de conclusións indicamos que do obradoiro semella que pode saír unha plataforma galega pola Renda Básica, polos dereitos sociais... ou co nome que, cos ánimos que xuntemos, decidamos.

Tedes algunhas imaxes do obradoiro neste enlace: www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157632967696239