Acerca do texto “Invisibilizando as persoas empobrecidas: a tramitación das axudas de emerxencias municipais”

O pasado 1 de novembro publicamos nas webs da ODS-Coia e da Parroquia Cristo da Victoria un texto titulado “Invisibilizando as persoas empobrecidas: a tramitación das axudas de emerxencias municipais”, co que pretendiamos denunciar unha vez máis o funcionamento arbitrario e inxusto dos Servizos Sociais do Concello de Vigo no tocante ás Axudas de Emerxencia Municipais (AEM).

Ante o malestar expresado por un sector do colectivo de traballadoras sociais por algunhas das afirmacións que realizabamos no artigo, e tras unha reflexión autocrítica, queremos facer constar a seguinte rectificación: recoñecemos que, tal e como están redactadas algunhas partes do texto, conteñen unha xeneralización que sen dúbida é inapropiada. Nese sentido, queremos manifestar que non era a nosa intención realizar unha valoración negativa con carácter xeral do labor que levan a cabo estas profesionais nas Unidades de Traballo Social (UTS).

Os recortes en políticas sociais, a elevadísima ratio de poboación por traballadora social, a insuficiencia de recursos, a mala planificación dos responsables políticos... condicionan as intervencións destas profesionais e dificultan o desenvolvemento dun traballo social liberador e transformador.

Non queremos que a atención se desvíe a un colectivo de traballadoras no canto de centrarse nas autoridades responsables dun procedemento na xestión destas axudas que nos parece intolerable. Vivirmos estas inxustizas en primeira persoa do plural fai que ás veces esquezamos os matices necesarios para describir unha realidade complexa na que (por desgraza) tamén nos atopamos con prácticas e profesionais moi afastadas da transformación e da xustiza social. Porén, xunto co recoñecemento do noso erro, desexamos reafirmarnos no fondo da denuncia:

As bases reguladoras das AEM establecen que as solicitudes se presentarán nas UTS. Non obstante, cando unha persoa se achega alí para solicitar unha destas axudas se atópase cara a cara cun procedemento que non garante os seus dereitos: non se lle permite facer a solicitude por escrito nin obter unha copia selada nin ningún outro tipo de acreditación documental, e, no caso de que insista en exercer dito dereito, é remitida ao Rexistro do Concello, o que supón unha demora substancial na tramitación da axuda. Ademais, até o de agora as resolucións sobre a concesión ou denegación comunicábanse verbalmente aos solicitantes, e só a presión que exercemos nos últimos meses fixo que a día de hoxe sexa posible acadar por escrito unha resolución denegatoria que antes se presentaba como totalmente inaccesible.

Sen dúbida, esta opacidade na tramitación das AEM favorece a invisibilización das persoas empobrecidas. Polo dito, parécenos un tema de extrema gravidade e por iso continuamos a esixir aos responsables políticos unha solución que acabe con esta situación de indefensión da cidadanía. Non pode ser doutro xeito: é a súa obriga establecer xa un protocolo que respecte o procedemento administrativo legal e regulamentariamente establecido, e que, en consecuencia, garanta a posibilidade de presentar por escrito nas UTS as solicitudes das AEM mediante formulario normalizado e conservando unha copia selada, sen que isto supoña demora ningunha na tramitación dunha axuda que, por responder a unha situación de emerxencia social, ha de ser inmediata.

 

Coia, decembro 2013

ODS-Coia e Parroquia “Cristo da Victoria” - Coia

Baladre

G.A.S.

Nosotras las Personas

Asociación Contra a Exclusión Social Alambique

Renta Básica das iguais