Acceso aos recursos i execución de dereitos das mulleres vítimas de violencia

Rake, unha compañeira, achéganos este texto que leva por título: "Acceso aos recursos i execución de dereitos das mulleres vítimas de violencia".

O sistema económico-social actual permite e lexitima a violencia cara ás mulleres e cara as súas crianzas. Un sistema que se “regodea” en repetir todos os recursos que existen para erradicar a violencia. Pero son recursos escasos e mal xestionados.

É habitual que teñamos que escoitar valoracións como que “este ano hai menos asasinatos”, “existen máis recursos dende a Administración”, pero na realidade son datos enmascarados, xa que a Administración non contabiliza todos os casos de asasinatos, non contabilizan os casos que non necesitan hospitalización, non contabilizan as mulleres asasinadas mentres exercen a prostitución, nin as nenas e nenos que son asasinados polo seu proxenitor, nin se morren con posterioridade polas secuelas causadas.

En canto ás prestacións, cantas mulleres quedaron sen cobrar o que por lei lle correspondía no ano 2014? Cumprían os requisitos, pero a escusa é que non hai cartos, que non hai cartos para as mulleres. As axudas económicas están suxeitas a prazos e a orzamentos, e non é certo que todas as mulleres que teñen dereito a esa axuda económica a vaian cobrar, porque, por moito que anuncien que aumentan o crédito orzamentario, este non chega para todas.

AS PRESTACIÓNS ECONÓMICAS

Están suxeitas a créditos orzamentarios, con prazos de presentación. Polo que hai mulleres que se quedan sen poder acceder a elas xa que hai ordes de afastamento que se ditan entre novembro e marzo, período no que coincide o fin de prazo de presentación das solicitudes, ou estando en prazo de presentación, por mor de rematar o crédito orzamentario, tampouco poden acceder a elas. A precarización das mulleres ante estas situacións se acrecenta. A única solución é solicitar a RAI, de 426€, esperar a que se convoquen de novo as axudas para vítimas de violencia e agardar que teñan dereito a elas, porque as condicións pode que xa non as cumpran cando se publique a nova convocatoria.

ACCESO Á VIVENDA

Un dos problemas máis graves co que se atopan as mulleres é o acceso á vivenda. A maioría non ten un traballo remunerado, polo que cando abandonan a vivenda ou cando lla adxudican no xuízo por violencia, non teñen como facer fronte aos gastos de aluguer. A única opción sería entrar no Centro de Emerxencia, a cal non é a mellor opción para a recuperación psico-social das mulleres, xa que non lles proporciona autonomía e as obrigan a depender das institucións, cando son os maltratadores os que seguen en moitas ocasións en liberdade. E incluso para poder permanecer neste centro de emerxencia as obrigan a ter que interpoñer unha denuncia por violencia, cando debería de ser necesario un informe da traballadora social ou outra profesional con competencias no proceso.

A NIVEL XUDICIAL

Nos xuízos rápidos moitas veces non se establecen as medidas civís, tales como a pensión alimentaria para os fillos/as, así como o establecemento do réxime de visitas e onde se realizará o intercambio de visitas, xa que moitas mulleres dende o xuízo rápido ata que se celebra o xuízo para as medidas civís definitivas poden pasar meses, e nese transcurso de tempo as mulleres non teñen dereito a esixir a pensión ao proxenitor e atópanse abandonadas nun baleiro legal.

A VITIMIZACIÓN SECUNDARIA

A vitimización secundaria son os malos tratos institucionais que as mulleres sofren unha vez que deciden achegarse ás e aos profesionais (policía, servizos sociais...) dos que se espera comprensión e apoio. Por iso, as mulleres convértense tamén en vítimas dun sistema neglixente.

As secuelas psicolóxicas que sofren as mulleres vítimas de malos tratos, facilita que poidan padecer novas violencias. O protocolo de actuación nos casos de violencia de xénero vitimiza de novo ás mulleres ao obrigalas a contar os episodios violentos en cada unha das institucións ás que acode, co consecuente risco de recaída.

As actitudes negativas que nos podemos atopar na práctica profesional son as seguintes:

- Falta de sensibilidade no trato.
- Xuízos sobre o que fixo e o que tivera que ter feito.
- Sospeita sistemática cuestionando todo o que ela di.
- Minimizar os feitos.
- Excesiva burocratizacións.
- Declaracións repetidas nos distintos organismos.

Se non tomamos a loita feminista como prioritaria dentro de cada loita social, tanto os homes como as mulleres estaremos indefensas ante unha situación política cada vez máis insostible para as persoas.