O 1 de xaneiro de 2007 comezaba a súa andaina a Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia, máis coñecida como «lei de dependencia».
Este xaneiro fixéronse 13 anos da entrada en vigor dunha lei que no seu momento foi presentada con grande rebumbio. Daquela dicían que dita lei faría medrar o estado de benestar coa creación dun novo piar. Alén do balbordo no lanzamento, os anos de percorrido trouxeron recortes, desigual desenvolvemento por territorios, atrasos, privatizacións...
Co obxectivo de coñecer mellor os nosos dereitos en relación ao sistema de dependencia, mais sobre todo co ánimo de reflexionar sobre como afrontarmos colectivamente os coidados de familiares, veciñas ou compañeiras que precisan de apoios, organizamos a palestra que leva por título: Cóidanos a lei de dependencia?
Contaremos coa presenza de María Jesús Lago, traballadora social e membra de Contorna Social que presentará a situación e o desenvolvemento desta lei. A actividade que organizamos a parroquia do “Cristo da Vitoria” e a Oficina de Dereitos Sociais de Coia vaise celebrar o xoves 27 de febreiro ás 20:00 nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Coia).