Desde a ODS-Coia convidámosvos á presentación do libro “Diccionario de las periferias. Métodos y saberes autónomos desde los barrios" editado por Traficantes de sueños e Carabancheleando. Será o luns 20 de xaneiro ás 20:00, nos locais da parroquia do “Cristo da Vitoria” na rúa Baiona 9, Coia – Vigo.
A presentación do dicionario a farán Laura Escudero e Sergio García, persoas que participan en Carabancheleando, unha plataforma de investigación-militante froito do encontro entre o Grupo de Periferias del Observatorio Metropolitano e unha rede de movementos sociais e veciñais que colleron pulo logo do 15M no barrio de Carabanchel.
Neste libro atoparedes unha análise sobre a historia da periferia madrileña, así como daqueles elementos que caracterizan iso que hoxe fai dun barrio unha periferia. Este libro é tamén unha pequena caixa de ferramentas composta por numerosos apeiros: mapas, cartografías, roteiros, xuntanzas e sobre todo é o resultado de moitas horas de diálogo e debate conxunto. O libro é unha aposta política por procurar e xerar relatos distintos aos hexemónicos e/ou oficiais, un pequeno texto para pensar as periferias e as súas linguaxes, pero ante todo é unha invitación, si, a ler, pensar e combater.
Aproveitando a presentación do dicionario coñeceremos o traballo de Carabancheleando que -desde 2012- traballan para dar a coñecer os problemas dos barrios desde dentro e artellar formas de solidariedade, autonomía e xustiza social. Con Laura e Sergio faremos un percorrido pola súa experiencia, polas metodoloxías que empregan no seu traballo en diversos barrios das periferias de Madrid, así como polas conclusións e resultados obtidos nestes anos de andaina.