Este mércores 26 de xaneiro lánzase a segunda fase da campaña: "Normalizar os Dereitos". O Foro Galego de Inmigración xunto a outros colectivos da Galiza fan unha chamada de atención sobre que moitos dereitos están por normalizar.
A nova normalidade arquitetada por gobernos e capital, a que incrementa o control social e precariza aínda máis as condicións de vida, traballo e participación, segue o seu curso.
Normalízase a violencia estrutural contra as persoas máis vulnerabilizadas. Os cortes de luz, os desafiuzamentos e os dispositivos “antiokupación”, o labirinto telemático para solicitar unha prestación social deixando a moita xente fóra, os ERTE que pagamos toda a poboación para garantir os negocios das empresas.
Está claro que a pandemia supuxo unha volta máis na espiral do empobrecemento para aquelas persoas que xa se atopaban no fío da navalla da exclusión, un 42% da poboación en Galiza segundo un informe publicado no 2019 por Cáritas e a Fundación Foessa.
Entre os colectivos máis afectados estamos as persoas migrantes e mais aínda as que se atopan en situación administrativa irregular xa que perderon as súas fontes de ingreso coas medidas de confinamento. Sen cartos, sen papeis e sen dereito a prestacións como a RISGA, as Axudas de Emerxencia Social e o Ingreso Mínimo Vital. Tamén sen casa polo racismo inmobiliario que cada día dificúltannos o aceso a vivenda pola suba do prezo dos alugueiros (un ascenso do 4% no ano pasado a pesar da crise da Covid 19) e a solicitude de requisitos cada vez máis esixentes. Noutros territorios mesmo alimenta actos de terrorismo, incendiando campamentos e naves industriais habitadas por centos de persoas pola falta de alternativa habitacional.
Un racismo e unha xenofobia que están ben entrañados no sistema educativo o que vese claramente na exclusión das crianzas cuxas familias están en situación irregular de acceder as escolas infantís e no trato discriminatorio dispensado ao estudantado racializado. Nas dificuldades de convalidación de estudos realizados en países considerados do “terceiro mundo”, na falta de Plans de Acollida dirixido ao alumnado de orixe estranxeira e de protocolos para identificar e erradicar os casos de racismo e xenofobia que se poidan dar nos centros de ensino.
Tamén no maltrato exercido contra as familias por medio da infantilización, xuízos de valor sobre as súas estratexias de coidado e chantaxe de denuncia antes as autoridades educativas e servizos sociais.
E se enfermamos, estando en situación irregular, ao malestar físico e psíquico engadirase outra preocupación mais pois a día de hoxe seguen chegándonos a casa facturas pola atención en urxencias cando por lei ese servizo é gratuito.
Cun marco de dereitos tan mermado como podemos falar de inclusión, de participación, de cidadania, de dereitos humanos?
Por todo isto e por que seguimos demandando unha regularización permanente e incondicional a todas as persoas migrantes e refuxiadas residentes no Estado español, o cese das políticas represivas nas fronteiras e a desarticulación do racismo estrutural que segue a violentar as vidas das persoas racializadas, é que en novembro do ano pasado puxemos en marcha a campaña "Normalizar os dereitos".
Finalmente, queremos amosar o noso recoñecemento a todas as nosas compañeiras, compañeiros e compañeires, persoas racializadas e/ou migradas que visibilizan e denuncian a través de diferentes canles as discriminacións e vulneracións que viven cada día, pasando por riba das trabas burocráticas e posíbeis represalias. Estes xestos de coraxe e defensa dos dereitos fundamentais son a materia para transformar os cimentos desta sociedade tan profundamente atravesada pola desigualdade, o racismo e o colonialismo.
Quedan moitos dereitos por normalizar. Esixe, propón, actúa. Loita!