Achégase a fin dun mundo... a do mundo capitalista devorador da terra e das persoas. E agora que?
Pois agora é un bo momento para coñecer as propostas do ecoloxismo social. Luís González Reyes (Ecoloxistas en Acción) pasará por Vigo para presentar "En la espiral de la energía", un libro sobre a historia do planeta e da humanidade, dende a perspectiva do consumo enerxético e material. Unha obra comezada a dúas mans por el mesmo xunto a Ramón Fernández Durán, que trata nos seus dous volumes sobre as formas de habitar o territorio, economías, sistemas políticos, tipos de traballo, demografía, loitas sociais, formas de relacionarse co entorno, etc.
E analiza todo isto dende unha perspectiva histórica e metabólica, centrada nas interaccións de todos estes vectores e as súas consecuencias no plano enerxético, que está na base de todo sistema vivo.
Estamos nun momento de mudanzas radicais, no marco dun progresivo colapso do capitalismo industrial global e da súa civilización. Un tempo clave para construír sociedades máis xustas, democráticas e sostíbeis, e para iso coidamos que é esencial comprendermos mellor os elementos da historia da humanidade e os escenarios de futuro máis probábeis. Este libro é unha invitación ao diálogo colectivo para elaborar as estratexias e iniciativas emancipadoras necesarias. Por iso non todo van ser críticas: falaremos tamén de propostas de (re)construción social e política para un mundo sen petróleo -e sen outras moitas cousas.
Agardámosvos no local social da Cooperativa, Cons. C. Árbore, na rúa Lopez Mora, 30 baixo, o martes 16 de xuño ás 19:30.
Organizan: C.C.Árbore, Lapsus, GAS, ODS-Coia e Verdegaia, queremos convidarvos a presentación do libro, que podedes atopar máis información e o pdf desta obra na seguinte ligazón de Ecologistas en Acción: http://www.ecologistasenaccion.org/article29055.html