Chega o 1º de maio e con el as mobilizaciós, dende o GAS elaboraron un panfleto para esta data que deixamos por se queredes descargar.
“Isto é un chamamento. É dicir que se dirixe aos que o escoitan. Non faremos o esforzo de demostrar, de argumentar, de convencer. Iremos á evidencia”
Chamamento e outros fogonazos.
Se a política é a guerra por outros medios, qué lugar queda entón para a economía. Sen dúbida o mellor de todos, o do noso desafecto. Con todo, non é suficiente. A medida que a dominación vai gañando terreo, a economía tende a se volver evidente e sutil por igual.
É por iso que en tempos de crise a atracción polo traballo é máis forte que a atracción por liberarse, solapando de paso un desexo por longo tempo aprazado. A causa da emancipación é a causa nunca resolta até o momento. E todo indica o seu estancamento definitivo de persistir o actual estado de cousas, alí onde reinen as condicións modernas de produción. Nomeadamente por todas partes.
De feito, esas mesmas condicións que fixieron posíbel o advenemento da ditadura do capital fixeron posiíel a derrota dos seus inimigos declarados. A saber, co triunfo da democracia e en consecuencia do mercado revelouse a súa verdadeira natureza totalitaria, en guerra aberta contra todo e contra todos. Desta maneira debutou a banda sonora da súa victoria, por sempre repetida até a saciedade.
Así as políticas destinadas a menoscabar os últimos redutos do consenso obteñen como resposta unha vulgar representación estereotipada de nós propias. Un exercicio voluntarista que leva ao extremo as nosas máis íntimas contradicións. Os novos aires de malestar social semellan non traer unha modificación substancial nos nosos comportamentos, se non é favorecendo a súa parte negativa. O gusto por desertar das nosas obrigas no momento presente.
Se o final dunha época perfila no seu ocaso as liñas xerais da que está por chegar, nada habería que dicir dos tempos que se aveciñan que non sexa aterrador. Porque na actualidade estase a experimentar con réximes no ámbito da produción que en nada desmerecen ao universo concentracionario tantas veces recorrinte na literatura de anticipación, coa salvedade de que xa non só se trata de palabras senón ainda mellor de feitos. Do perverso uso de sofisticados métodos de encadramento que faciliten prolongar a desolación no medio asalariado. Ese e non outro é o cometido dos últimos asaltos contra a lexislación laboral.
O paradoxo reside en que ninguén parece percibilo. Na súa completa normalidade fora de toda lóxica. É entón que se fai urxente, por necesario, recapacitar sobre os fundamentos mesmos da ideoloxía do poder, en tanto que ideoloxía e en tanto que poder, para interromper a súa administración sobre a vida das persoas. O perigo de ser engulidos por un mundo que xa deu todo de si só é comparabel ao perigo de formar parte do mesmo no preciso instante do seu afundimento. Negar esta evidencia é negar a posibilidade de se armar sobre a ruínas. As nosas propias ruínas.
Vigo, maio 2011