A Xunta engade restricións na RISGA pedindo os saldos das contas bancarias

A Xunta segue a sorprendernos coa xestión dos expedientes da RISGA marcada pola crecente restritividade nos requisitos fixados para o seu cobro. A última “novidade” ten que ver cos saldos das contas bancarias das perceptoras desta renda.

O caso é que, cando chega o momento da renovación anual da RISGA a Xunta está a pedir ás perceptoras que aporten un extracto bancario dos últimos 12 meses das contas que posúan.

E é aquí onde aparece o problema. A disposición transitoria segunda da Lei 10/2013, de 27 de novembro, de Inclusión Social de Galicia, dispón que, mentres non se aprobe o decreto de desenvolvemento (que tiña que estar aprobado como moi tarde en xuño do ano pasado) consideraranse como medios económicos a computar da unidade familiar os saldos bancarios superiores a catro mensualidades do IPREM, isto é, 2.130,04 €.

A Xunta está a considerar que ter na conta bancaria unha cantidade líquida superior a eses 2.130,04 € supón, de maneira automática, sen máis consideracións, contar con “recursos económicos que permiten a subsistencia” (aos que se refire o artigo 17 da Lei).

Por isto, no momento da solicitude ou da renovación da RISGA non podemos ter no banco unha cantidade superior á mencionada, xa que poden contestarnos que non temos dereito a percibir a renda por contar con “recursos suficientes”.

O certo é que a resposta práctica da Xunta nestes casos non sempre é a mesma, polo que puidemos comprobar na ODS-Coia:

- Coñecemos a un perceptor ao que se lle extinguiu o cobro da RISGA por contar con un saldo bancario superior aos 2.130,04 €, alegando que non declarou tal extremo no momento da solicitude e amparándose no artigo 46.e) que recolle como causa de extinción do dereito á percepción da RISGA o feito de ter falseado ou ocultado datos para poder obter dita prestación.

Esta persoa aportou o extracto bancario dos últimos 12 meses no momento da renovación da RISGA (en cumprimento do requirido pola Xunta) no que se podía comprobar como non contaba con ningunha outra clase ou fonte de ingresos que a propia RISGA. Porén, a Xunta considera que contar con eses cartos logo de estar 12 meses cobrando a renda, supón non ter necesidade dela, perder o dereito ao seu cobro, e considerar como “ingresos indebidos” ás 12 mensualidades da RISGA que xa tiña cobrado.

Na práctica estase a castigar a unha persoa por ter a capacidade de aforrar a pesares da miseria da contía da RISGA mensual.

- Porén, hai outro solicitante ao que, contando tamén cun saldo bancario superior aos 2.130,04 € non se lle extinguiu o dereito a percibir a RISGA. Neste caso optaron por descontar ese saldo da contía mensual da RISGA.

Efectivamente, faise un rateo da cantidade total, durante os 12 meses seguintes á data da renovación, de xeito que, obtendo unha contía mensual do saldo bancario ese importe rateado descóntase da contía da RISGA que lle correspondería percibir, arroxando a suma que finalmente percibirá.

Deste modo, estase a considerar ese saldo bancario como ingreso computable a efectos do disposto no artigo 21 da Lei que sinala que o importe que percibirá cada persoa beneficiaria virá constituído pola diferencia entre a contía mensual da renda que lle correspondería e o dos recursos económicos dos que dispoña, establecendo como importe mínimo do tramo persoal e familiar o 25% do IPREM mensual (133,13 €).

En definitiva, unha nova proba máis da arbitrariedade das solucións para casos moi similares, da restrición crecente nos dereitos das beneficiarias, da limitación de acceso ao dereito á RISGA, do control exhaustivo das perceptoras, en definitiva, da miseria da política social da Xunta.

 

ODS-Coia

Xullo 2015