As dificultades de acceso e de permanencia na vivenda afectan con especial gravidades ás persoas empobrecidas, como froito das últimas décadas nas que unha necesidade básica como dereito a teito quedou convertida nun ben de especulación salvaxe que enriqueceu a unha minoría.
Fronte a isto as políticas públicas en materia de vivenda non ofrecen solucións efectivas, deixando en branco o cumprimento deste dereito fundamental.
En Galiza as políticas en materia de vivenda están en mans da Xunta, xa que os concellos apenas realizan accións neste terreo; iso si estes foron e seguen sendo un dos principais beneficiarios dos anos de burbulla inmobiliaria.
Nestes momentos a promoción de vivenda pública na cidade é practicamente inexistente e as axudas neste eido, ampliamente publicitadas, apenas resolven. Falamos da renda básica de emancipación dirixida á mocidade e a bolsa da aluguer.
Hai uns anos a Xunta puxo en marcha o rexistro de demandantes de vivenda, que supón o requisito indispensable para todas aquelas persoas/familias que queiran optar a unha vivenda da Xunta. A través deste rexistro podes participar nos sorteos das vivendas promovidas pola Xunta, de prezo máis económico (as antigas vivendas sociais), e a aquelas construídas por promotores privados en chan público que teñen prezo taxado.
Deste trámite chama a atención que para inscribirse cómpre achegar un certificado que custa algo máis de 10€ por adulto. Obviando a Xunta que aquelas familias máis numerosas teñen que facer un desembolso importante so para ter remotas posibilidades de ter unha vivenda. Toda a información sobre este rexistro a tedes na web: http://igvs.xunta.es.
O Concello de Vigo ten habilitado un Punto de Información Vivenda no que tamén vos poden dar información sobre vivendas sociais.