Á última asemblea que fixemos acudiu unha veciña de Coia, que ten un cativo pequeno, na procura de apoio ante o inminente despexo que ten para finais de setembro. A muller acudiu en múltiples ocasións aos servizos sociais municipais onde lonxe de dar respostas aos problemas de insuficiencia de recursos que se están a traducir en impagos da vivenda, das facturas de subministros... foi "despachada" con burocracia e boas palabras que a deixaron ás portas dun desafiuzamento.
Situacións como esta as coñecen as compañeiras de Stop Desafiuzamentos A Coruña sobre a RISGA que veñen de enviar a seguinte nota:
Dende Stop Desafiuzamentos A Coruña queremos facer visible o caso dunha compañeira nosa que creemos que amosa unha realidade na que moitas persoas están a vivir. A nosa compañeira atópase agora mesmo en situación de risco de desafiuzamento xa que, por un exceso de celo burocrático, lle foi retirada a RISGA. A Xunta de Galicia entendeu que esta persoa non respondera a unha oferta de traballo. Porén, este requerimento nunca chegou ó seu coñecemento xa que tivo que cambiar o seu domicilio debido a unha serie de problemas alleos a ela, quen mudou a súa dirección en todas as instancias agás na Oficina de Emprego, lugar ao que acode con asiduidade para buscar ofertas laborais e de cursos de formación.
Neste momento, hai un recurso plantexado que precisa dunha solución urxente xa que a nosa compañeira non dispón doutros ingresos e ten un fillo menor de idade ao seu cargo. Por esta razón, queremos requerir a Xunta de Galicia para que dea una resposta rápida a esta situación. De todos xeitos, estamos ante un problema que afecta a moitos perceptores da RISGA aos que o Goberno Autonómico pon nunha situación de extrema fraxilidade por un exceso burocrático e aos que o mesmo ten que dar unha resposta máis rápida e mellor.
Este non é o primeiro caso de complicacións relacionadas coa Risga que presenciamos e que outros colectivos galegos veñen tamén denunciando. Deste modo, dende Stop Desafiuzamentos pensamos que a Xunta trata de reducir de ao máximo o numero de persoas que perciben a RISGA sen nin sequera tentar dar unha solución ao problema real. Simplemente buscan dificultar ó acceso a esta axuda, que é xa de por sí, moi insuficiente para satisfacer as necesidades dunha persoa.
Estas ansias por ocultar un problema que non queren solucionar fan que o Goberno Autonómico recorra a certas "estratexias" para maquillar os resultados e as estatísticas. Por este motivo, solicitar a RISGA é unha carreira de trámites e de documentos e tamén por iso se amorean os expedientes tanto que mesmo se pode tardar un ano en cobrar desde que se solicita.
Porén aínda mesmo cando unha persoa percibe a RISGA continúa estando nunha situación fráxil porque a retirada da mesma é moi doada: basta con non ter actualizada a dirección e non ter recibido un aviso dunha oferta de emprego precaria.
Queremos tamén aproveitar a ocasión para denunciar que as ofertas de traballo que se envían as persoas que perciben a RISGA non son mais que unha solución estética xa que se trata de empregos, normalmente de 7 meses de duración e ao 75% da xornada laboral cun salario de arredor de 600 euros. Despois destes 7 meses, o único sustento sería un subsidio de algo mais de 200 euros e cando este se acabe, solicitar novamente a Risga. Este proceso serve para maquillar as cifras pero non para solucionar un problema, o da pobreza, que afecta a unha cuarta parte da poboación galega.
Moitas gracias pola vosa atención.
Nin casas sen xente, nin xente sen casa!
---
http://ccaa.elpais.com/ccaa/2014/05/16/galicia/1400261699_268364.html
http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2015/04/27/oficina-social-coia-denunc...
http://odscoia.arkipelagos.net/content/xunta-pretende-agochar-miseria-da...
http://www.lasexta.com/noticias/economia/ano-espera-recibir-ayudas-emerg...