Diego, membro da ODS-Coia e un dos catro extraballadores da Fundación Secretariado Xitano de Vigo, achéganos unha nota de prensa na que explica os catro despedimentos e o peche do programa de xitanos da FSX en convenio co concello de Vigo:
O 5 de xullo catro traballadores da Fundación Secretariado Xitano de Vigo (FSX) foron despedidos. Dende hai máis de quince anos o concello de Vigo viña destinando anualmente cartos -en diferentes convenios- co obxectivo de mellorar a integración e promoción dos xitanos da cidade. Primeiro foi cun convenio con Cáritas que tras os anos foi asumido pola FSX, ao igual que o grupo de traballadores que viñan desenvolvendo o programa de xitanos.
Nos últimos anos as contías deste convenio rondaron os 100.000€ (no 2011= 109.000€). Para 2012 o convenio ascende a 54.500€. No 2013 non vai haber convenio.
Dito convenio, aínda que semellante na contía, foi cambiando nas actividades ás que estaba dirixido nestes anos. De ser un convenio aberto, que incluía accións comunitarias, grupais e familiares, pasou a estar restrinxido a facer educación familiar con 50 familias con problemas graves como: o coidado dos nenos, organización familiar, educativos...
Esta razón -entre outras- a pon o concello na mesa no intre de decidir non pagar dous programas de educación familiar, eliminando o de xitanos. Algunhas das familias xitanas pasarán ao programa de intervención familiar adxudicado a CLECE. A maioría quedan fóra a decisión do concello e da coordinación da FSX que dan por bo que moitas destas familias queden desatendidas.
Nun momento de recortes sociais, de perda de dereitos sociais, de paro... o concello e a FSX acordan rematar cun convenio histórico no departamento de servizos sociais do concello de Vigo. Deixan aínda máis desprotexidos aos xitanos que quedan sen un programa que traballaba pola mellora das condicións de vida daquelas familias máis empobrecidas, marxinadas, excluídas...
Aínda que de de pasada, e non por non importante, dicir que o trato da FSX ao programa e aos traballadores a cargo do mesmo deixou moito que desexar. Os despedimentos foron a escena final dunha obra na que houbo: un procedimento aberto de acoso a unha das educadoras, excesivo celo na supervisión do seu traballo, violencia verbal, desatención das súas funcións...
A isto hai que engadir os problemas económicos a nivel estatal da FSX, que os seus dirixentes non dubidaron en facer caer sobre os traballadores e traballadoras da entidade. Falamos de impagos e atrasos no pago do salario, despedimentos, peches de programas...
A sorte de todo isto foi o contacto con persoas e situacións que nos deron moitas pistas para sobrevivir en tempos de crise!
Vigo, 9 de xullo de 2012