O Ticket Eléctrico Social da Xunta: a pobreza enerxética como propaganda

Achegamos o texto lido hoxe no acto de entrega colectiva do ticket eléctrico na delegación da consellería de industria en Vigo:

O TICKET ELÉCTRICO SOCIAL DA XUNTA: a pobreza enerxética como propaganda

No mes de agosto a Xunta de Galicia abriu o prazo para solicitar o TICKET ELÉCTRICO SOCIAL DE GALICIA. Segundo a Xunta unha medida para paliar as consecuencias da pobreza enerxética, pero á vista das contías da axuda e dos atrancos para tramitar dita axudas moitas persoas pensamos que estamos ante unha medida propagandística.

O ticket eléctrico consiste nunha axuda para o pagamento de parte da factura eléctrica a familias con fillos menores a cargo e que non teñan ingresos superiores ao IPREM 2013 (532 €/mes ou 6.390 €/ano). O orzamento da convocatoria é de 600.000 €.

A “fartura” que poden percibir as familias que cumpran os requisitos é 45 € ou 60 € no caso das familias numerosas. Apunta a Xunta na convocatoria que se trata dun pagamento fixo semestral e que “a contía da axuda non poderá superar o importe da factura eléctrica pagada durante o semestre”.

Denunciamos o ridículo da contía destas axudas, a Xunta esquece que cada día máis persoas sofren para chegar a fin de mes e que o prezo da electricidade é o 3º máis caro da UE cunha subida que superou o 70% desde 2006, feitos que colocan a moitas persoas en serias dificultades para cubrir esta necesidade básica.

Denunciamos tamén o uso propagandístico do goberno da Xunta desta convocatoria e o labirinto/carreira de obstáculos que supón tentar tramitar dito ticket. Achegamos algúns deles:

- Os servizos sociais dos concellos teñen que presentar un Informe que valore a necesidade.

Non hai necesidade de estigmatizar as solicitantes obrigando que a solicitude vaia acompañada dunha valoración de servizos sociais. os baremos económicos xa de por si son moi restritivos, con límites inferiores ao limiar da pobreza. Aínda por riba, no concello de Vigo o departamento de Benestar Social négase a facer ditos informes.

- A solicitude só se pode facer por internet. Cómpre dispor de DNI electrónico e achegar numerosa documentación dixitalizada.

Sen posibilidade de facer a solicitude por escrito, colocan un obstáculo para moitas persoas que padecen a “fenda dixital”.

- As bases da axuda recollen que se “o solicitante non ten capacidade técnica ou económica ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, a súa identificación ou autenticación poderá ser validamente realizada por un empregado público do concello correspondente”.

Na delegación da Xunta en Vigo hai 4 ordenadores a disposición da cidadanía para tramitar o ticket que non cumpren cos requisitos para facer a solicitude sinalados no punto 6. O concello de Vigo non puxo a disposición funcionarios que fagan os trámites, comunicaron por escrito á Xunta que non ían colaborar.

Con esta suma de despropósitos temos unha axuda que non podemos cursar, que semella estar pensada para que non se tramite.

Por todo isto esiximos en relación a esta convocatoria:

Que os 600.000 euros do orzamento cheguen as persoas que o precisan, ben sexa a través da simplificación dos trámites, da habilitación de medios para cursar estas axudas, da coordinación entre administracións, etc.

Esiximos tamén:

- Gratuidade da luz para aquelas persoas con ingresos inferiores ao limiar da pobreza.

- Que a subministración eléctrica sexa recoñecida como un dereito básico para garantir unha vida digna e que, por conseguinte, estea en mans da comunidade e non privatizada en beneficio dos grandes capitais.

 

Vigo, 24 de novembro 2014