Do 14 ao 17 decembro celébrase a Semana de Loita Contra as Fronteiras "Ningunha persoa sen dereitos!".
O Foro Galego da Inmigración aborda as fronteiras no acceso a prestacións e dereitos sociais, informando e sometendo a análise as recen implantadas rendas municipais. Convocan a unha concentración contra as fronteiras e as políticas migratorias o sábado 17 as 12hs na Praza do Toural.
Cada ano ano adicamos os días próximos ao 18 de Decembro, Día Internacional das Migracións, para denunciar o carácter represivo e criminalizador das políticas migratorias.
Nesas datas non só amosamos as vulneracións de dereitos na fronteira sur, senón que tratamos de visibilizar aqueles dispositivos de control e exclusión das persoas migrantes que se levan a cabo moi preto de nós, nas mesmas vilas e cidades que habitamos.
En anteriores edicións abordamos a realidade dos Centros de Internamento de Estranxeiros, a exclusión sanitaria que supuxo o Real Decreto 16/2012 ou a existencia dos voos de deportación cos que se veñen lucrando as empresas aéreas.
Desta volta, escollemos examinar un dispositivo moito máis sofisticado e invisíbel como son as fronteiras institucionais que impiden o acceso a dereitos básicos, catapultando as persoas migrantes a situacións de vulnerabilidade e exclusión.
Con bastante frecuencia vimos denunciando as trabas que se dan no ámbito da educación e da atención sanitaria. A súa vez, no eido laboral temos un brutal exemplo de fronteira institucional-administrativa representado na situación das traballadoras do fogar, maioritariamente mulleres migradas, sometidas a condicións de explotación e discriminación no acceso a dereitos tan elementais como a prestación por desemprego.
No entanto hai outra dimensión na que tamén se instauran fronteiras entre veciñas dunha mesma comunidade. Entendemos que pouco se ten tratado a situación das persoas migrantes en relación aos dereitos sociais desde unha posición de xustiza e equidade.
O que si teñen abundado son os discursos xenófobos que explotan mitos interesados e falsos sobre o colapso de servizos públicos e o acceso preferencial a axudas. Mentiras que teñen como obxectivo fracturar e crear un inimigo interno, ao mesmo tempo en que aboan o terreo para o avanzo do fascismo máis descarnado.
Seguiremos a combater tales discursos e reivindicar o dereito a vivir dignamente de todas as persoas, así como denunciar a exclusión das persoas migrantes en situación irregular de practicamente todas as prestacións sociais como é o caso da RISGA ou das axudas de emerxencia social.
No caso das persoas comunitarias, o pasado ano xunto a Oficina de Dereitos Sociais de Coia denunciamos os atrancos que lles impuxo a Lei de Inclusión Social de Galicia, amosando que no labirinto institucional tamén atopamos múltiplas fronteiras e altas doses de racismo e xenofobia.
Só moi recentemente e debido ao traballo de incidencia do Foro Galego da Inmigración ampliouse o dereito a acceder ás rendas municipais a aquelas persoas en situación irregular que reúnan os requisitos. Aínda así, consideramos que estas prestacións constitúen ferramentas moi febles e insuficientes para facer fronte ás necesidades básicas dunha poboación cada vez máis depauperada.
Entendemos que a exclusión nos dereitos sociais e a imposibilidade de garantir a satisfacción de necesidades como alimentación, vivenda e suministros, funciona como unha panca para a subordinación e a explotación laboral a que é sometida a poboación migrante.
Esta circunstancia se ve agravada pola aplicación dunha Lei de Estranxeiría profundamente restritiva e discrecional, conducindo a millares de persoas con contrastable arraigo a situacións de irregularidade sobrevida e a deportacións sumarias. Recentemente mobilizámonos para denunciar a deportación dun mozo veciño de Compostela, que levaba 14 anos convivindo entre nós e mesmo chegara a estar tutelado pola Xunta de Galicia durante catro anos.
Para abordar as fronteiras no acceso a dereitos sociais contaremos coa participación de Manolo S. Bayona, integrante da Coordinación Baladre de Loitas contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión, e con profesionais do ámbito dos servizos sociais e inclusión.
A través de charlas en distintas localidades e dun conversatorio, trataremos as barreiras no dereito a vivir dignamente e someteremos a un análise crítico as rendas municipais e máis concretamente a compostelá Renda de Garantía Social Municipal.
Programa de actividades da Semana de Loita contra as Fronteiras:
MÉRCORES 14. FERROL > Colóquio "Fronteiras invisíbeis e dereitos sociais", con Manolo S. Bayona (Coordinación Baladre). 19hs. Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena nº 202-204)
VENRES 16. CORUÑA > Colóquio "Fronteiras invisíbeis e dereitos sociais", con Manolo S. Bayona (Coordinación Baladre). 19hs. Asociación Viraventos (R/ Mosteiro de Caaveiro, 4, baixo).
SÁBADO 17. FERROL > Proxección do Documental Astral e Mesa Redonda con Xabier Ron e Maite Bustamante. 11:30hs. Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena nº 202-204)
SÁBADO 17. COMPOSTELA > 12hs. Praza do Toural. Concentración "Contra as fronteira e as políticas migratorias: Solidariedade!
18hs. CTC San Roque. Conversatorio "Ningunha persoa sen dereitos!" Renda municipal e dereito a vivir dignamente. Con Manolo S. Bayona e Leticia Castro.