Esta maña preto dunha centena de persoas convocadas por varios colectivos da cidade concentrámonos ás portas da Xunta de Galicia en Vigo para esixir o fin da pobreza enerxética e subministros básicos garantidos para todas. O acto foi ben sinxelo pero directo nas nosas esixencias. Berramos: "Luz, auga, gas para todas", "Ningún negocio cos nosos dereitos" e "Vivir dignamente é un dereito", atendemos aos medios e logo de ler o manifesto demos por pechada a concentración. Achegamos o texto lido esta maña:
Cos nosos dereitos non se negocia. Subministros básicos para todas!
A Xunta de Galicia, un ano máis, ven de convocar unhas mal chamadas “axudas públicas” contra a pobreza enerxética. Coma sempre, volven a ser uns parches propagandísticos, miserentos, restritivos e totalmente inútiles para loitar contra a precaria situación na que se atopan moitas familias do noso país. Ao igual que o Concello de Vigo, a Xunta intenta agochar con esmolas o terror que sofren moitos fogares en Vigo e na Galiza que son privados duns mínimos para a vida.
Sufrimos a miseria e a precariedade que provoca a privatización dos dereitos básicos, convertidos, hoxe, en produtos de consumo sometidos ao mercado e non ao interese colectivo. Os nosos dereitos máis básicos: poder vivir con luz, quentar os nosos fogares, ducharnos ou quentar a comida están a ser sometidos á lóxica perversa e depredadora da especulación dos mercados.
Mentres nós sufrimos a violencia dos cortes de luz, as grandes empresas enchen os petos facendo negocio coas nosas necesidades:
As tres grandes compañías con actividade no Estado —Iberdrola, Unión Fenosa Gas Natural e Endesa— manteñen, ano tras ano, os seus beneficios, sempre por riba dos 5.000 millóns de euros, e no ano 2015 todas as grandes eléctricas aumentaron beneficios nun 18% máis que no ano anterior.
Eles enriquécense, co beneplácito dos gobernos, o cal contrasta co empobrecemento de amplas capas sociais e coas alarmantes cifras de fogares galegos en situación de exclusión social. Arredor de medio millón de persoas que no país non poden cubrir as necesidades básicas:
España ocupa o cuarto lugar entre as facturas máis caras de Europa. Segundo o “Informe Robinson”, a electricidade nos fogares do Estado Español encareceuse nun 52% entre 2008 e 2014, unha suba que duplica a media da Unión Europea.
O sistema capitalista que nos absorbe, aumenta cada vez máis a fenda crecente entre as que máis teñen e as que menos, o que fixo que se triplicase a pobreza enerxética na Galiza, que afecta xa a unha de cada dez familias (100.000 fogares).
No estado español, estímase que 5,1 millóns de persoas sofren a pobreza enerxética, unha cifra que aumentou nun 47% nos últimos cinco anos.
Perante esta situación, berramos que estamos fartas de promesas e propaganda. Fartas da mercantilización do que ten que ser un dereito universal. Fartas deste sistema que nos condena á miseria e á precariedade.
Esiximos o que é de todas, o que nos teñen arrebatado ás administracións incompetentes e as grandes empresas.
Esiximos:
1º. Xestión pública dos servizos básicos: fin das concesións ás empresas privadas que non garanten os nosos dereitos.
2º. Luz, auga e gas para todas: tarifas sociais en función dos recursos das persoas. Quen non ten non paga.
3º Cese inmediato dos cortes de subministros.
Vigo, 4 febreiro 2016
ODS-Coia, PAH Vigo Tui-Baixomiño, Os Ninguéns, RSP-Vigo e G.A.S.
---
Vídeo da concentración: https://www.youtube.com/watch?v=wWd_euMuApI&feature=youtu.be
Imaxes: https://www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157664251085346