Non cabe dúbida de que o carácter represivo e criminalizador da política migratoria española e europea cada vez faise máis patente.
A brutalidade policial contra as persoas migrantes na fronteira sur, os voos de deportación masiva, as devolucións sumarias eufemisticamente chamadas “en quente” ou a recente posta en marcha da operación Mos Mairoum, macrorredada ideada polas institucións da Unión Europea (UE) co pretexto de combater as mafias e grupos delituosos, dan boa mostra diso.
Un exemplo claro deste tipo de operacións tivémolo a pasada semana na nosa cidade, que coa escusa de regularizar a venta de determinados produtos, levaron a cabo dúas redadas nas que abriron expedientes de expulsión a persoas que conviven con nós pero que carecen do permiso administrativo para facelo. Hai que engadir a estes sucesos o acoso diario ao que se ven sometidas as persoas que se adican á venta ambulante, nesta época do ano de paraugas por exemplo, por parte da policía e que en moitos casos supón a expulsión do estado español ou o internamento en Centros de Internamento de Estranxeiros (CIEs).
Porén, como vimos manifestando o Foro da Inmigración e os colectivos que subscribimos este comunicado, as restricións e as vulneracións de dereitos ás que están sometidas as persoas migrantes van moito mais alá das actuacións que de cando en vez saltan á primeira plana dos medios de comunicación. No labirinto institucional e burocrático tamén atopamos múltiplas fronteiras e altas doses de racismo e xenofobia.
Como exemplo destas fronteiras interiores temos as restricións que se impoñen ás persoas migrantes á hora de acceder ás prestacións sociais. A Xunta impide o acceso á RISGA ás persoas que carecen de documentación, inxustiza que levamos tempo denunciando, e que aprobación da nova Lei de Inclusión Social de Galicia1 non só non mudou senón que impuxo novos atrancos.
A citada lei, aínda pendente do decreto que a desenvolva, establece como requisito inescusable para acceder a RISGA ter “residencia legal”. Aquí, as persoas migrantes “comunitarias” (nacionais de países da UE) están a ter problemas debido á aplicación restritiva desde requisito, termo que para nós non ofrece dúbidas.
Segundo o Real Decreto 240/2007 de 16 de febreiro sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns dos estados membros da UE, os nacionais de países comunitarios, teñen liberdade de circulación, non precisando de ningunha autorización especial para residir no estado español. Porén, para que poidan permanecer máis de 3 meses nel, deben atoparse nalgunha das seguintes situacións:
1º. Ser un traballador por conta allea.
2º. Ser un traballador por conta propia.
3º. Dispoñer para si e para os membros da súa familia de recursos suficientes para non converterse nunha carga para a asistencia social española durante o seu período de residencia.
Toda persoa comunitaria que cumpra algún dos anteriores requisitos poderá residir legalmente no territorio español.
A maiores, o Decreto citado establece unha obriga formal consistente na obtención dunha tarxeta de residencia ou ben dun certificado de inscrición no Rexistro Central de Estranxeiros. Porén, dita obriga non é requisito inescusable para residir legalmente no Estado. É dicir: o dereito á residencia é anterior á emisión da certificación ou tarxeta, non precisando, ese dereito, de ningún tipo de autorización administrativa.
De feito, o artigo 14.4 do Decreto dispón que: “sen prexuízo da obriga de solicitar e obter o certificado de rexistro ou a tarxeta de residencia, poderase acreditar ser beneficiario do réxime comunitario POR CALQUERA MEDIO DE PROBA ADMITIDO EN DEREITO”.
Polo que, en ningún caso, non solicitar ou non posuír o certificado do rexistro ou a tarxeta pode supoñer a denegación, perda ou extinción do dereito a residir legalmente no país.
Pois ben, no que ao acceso a RISGA se refire, a interpretación que está a facer a Xunta de Galiza desta regulación resulta, coma na maioría das ocasións, a máis restritiva posible. Ampáranse no artigo 12 da Lei de Inclusión Social de Galiza que establece a “residencia legal” como un dos requisitos para acceder á RISGA. E a partires de aí, a Xunta esixe a estas persoas que presenten a certificación de inscrición no devandito Rexistro de Estranxeiros para solicitar a RISGA. Cando, como dicíamos, a residencia legal dos comunitarios non se obtén por esa inscrición, senón polo mero feito de cumprir as condicións materiais ás que antes nos referíamos.
Esta interpretación está a impedir o acceso á RISGA de moitas persoas, xa que, para poder inscribirse no rexistro, hai que contar con emprego ou ben con recursos económicos suficientes, o que, dende logo, non parece que podían cumprir as persoas que solicitan unha RISGA.
E aínda máis, non se permite que a RISGA que se solicite sexa considerada como “ingresos suficientes”, xa que o Decreto 240/2007 dispón que eses ingresos deben ter a contía suficiente como para non “supoñer unha carga para a asistencia social española”.
É dicir, o que está a acontecer, con esta forma de entender e aplicar ambas regulacións, é que, de facto, se prive a todos os comunitarios parados e sen ingresos da posibilidade de percibir a RISGA, excluíndo desta prestación a un colectivo, cada vez máis numeroso, e que, cumprindo a redacción, e sobre todo, o espírito e finalidade da lei, terían dereito.
Cómpre cuestionar unha lexislación que resulta contraria aos principios recollidos na propia Lei de Dereitos Sociais, e na Constitución do Estado, que recolle a obriga da administración e dos poderes públicos de garantir o benestar de tódalas persoas, sen ningunha distinción.
Por iso denunciamos estes feitos e a rede de mecanismos institucionais que funcionan como fronteiras interiores ao promover a exclusión dunha parte da comunidade no aceso á dereitos fundamentais.
Esiximos o cese inmediato da persecución das persoas migrantes e a derrogación das políticas de estranxeiría españolas e europea. Demandamos con carácter urxente a posta en marcha de unha renda básica incondicional que dea resposta ás situacións de empobrecemento e exclusión do conxunto da poboación, sen ningún tipo de limitación nin discriminación.
Os dereitos sociais son un ben común e por iso imos reclamamos: ningunha persoa sen dereitos!
Novembro 2014