O mércores 11 de febreiro, ás 10:30, celébrase o xuízo contra Xurxo nos xulgados de Vigo. Este compañeiro é unha das tres persoas imputadas debido á resistencia veciñal na rotonda de Coia.
Desde Asemblea Aberta de Coia acompañaremos a Xurxo nesa data tan importante. Desde as 9:30 temos convocada unha concentración nas portas dos xulgados de Vigo da rúa Lalín para amosar todo o noso apoio e agarimo a Xurxo.
Abel Caballero, alcalde de Vigo, quere acalar a loita veciñal na rotonda, e non ten problema en empregar á policía local para os seus fins.
No desaloxo da rotonda de Coia, que a empurróns fixeron máis de 40 policías locais o 7 de xaneiro, un axente acusa a Xurxo dunhas lesións que as alí presentes negamos con rotundidade. Unha mentira que conleva un xuízo no que lle piden ao compañeiro: 2 anos e medio de cadea e máis de 1200 euros en concepto de indemnización por uns feitos, que repetimos, non foron como os axentes da policía local queren facernos crer. Apelamos, coma fixo o párroco do “Cristo da Vitoria” na rolda de prensa do 10 de xaneiro, á conciencia dos axentes para que digan a VERDADE do acontecido na rotonda o 7 de xaneiro.
Xurxo e o resto das persoas que levamos desde o 4 de decembro nesta loita dicimos decote que: NON PODE SER OS CARTOS NA ROTONDA E A XENTE SEN COMER!
Porque non pode ser que mentres milleiros de persoas sofren na cidade o desemprego, os recortes, o peche de servizos básicos... este goberno municipal decida malgastar os cartos de todas en: rotondas, campos de fútbol, escaleiras mecánicas, en propaganda...
Esiximos que o goberno municipal empregue os cartos de todas ao servizo das necesidades da xente. É dicir, esiximos dereitos sociais e unhas políticas que aseguren unha vida digna para todas as persoas.
Vigo, 10 de febreiro de 2015