Achegamos o texto que imos ler este venres 20 de setembro a partires das 11h30 no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo. No acto faremos unha entrega colectiva dos recursos que replican a inadmisión a trámite da petición dunha renda básica:
O 22 de agosto a Consellería de Traballo e Benestar respondía ao centenar de escritos que presentamos o 27 de xuño exercendo o dereito de petición para esixir unha renda básica coa que cubrir as necesidades vitais.
A Xunta de Galicia nin sequera admitiu a trámite a nosa petición para, nun segundo momento, argumentar as razóns de fondo polas que a aceptaba ou a denegaba. Sinxelamente inadmitiu aducindo dúas razóns: a suposta existencia dun procedemento administrativo legalmente fixado para formular a pretensión obxecto de petición e a existencia dun procedemento parlamentario administrativo xa iniciado en trámite sobre o obxecto da solicitude.
Nós non temos ningunha dúbida de que tales argumentos non son aplicables a este caso, posto que ambos parten da equiparación da Renda Básica que nós solicitamos coa Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), cando de feito son figuras diferentes e mesmo contrarias.
A Renda Básica, tal e como a concibimos, ten carácter universal, persoal e incondicional; fronte a unha RISGA subsidiaria e restritiva, familiar e condicionada. A Renda básica é suficiente e digna; a RISGA, escasa e miserable. Finalmente, a Renda Básica é un instrumento de xustiza e redistribución da riqueza, mentres a RISGA supón un instrumento de fiscalización, estigmatización e perpetuación da esmola asistencial.
Hoxe estamos de novo na Xunta de Galicia para dar unha resposta contundente e clara a súa inadmisión a trámite. Ante a realidade crúa de precariedade e crecente empobrecemento que estamos a padecer unha gran parte da cidadanía, resulta dunha falla total de sensibilidade e dun desprezo absoluto a resposta da administración. Non hai dereito a que nin sequera contemplen a necesidade de reflexionar sobre o xusto e transformador da nosa petición. Eles pretenden que todo acabe cunha única palabra: INADMITIDAS. Pero nós temos dereito a vivir con dignidade. Somos nós, a cidadanía que busca alternativas e demanda xustiza, quen non pode admitir esta actitude irresponsable por parte da Xunta de Galicia. Por iso inadmitimos a súa inadmisión; por iso, hoxe entregaremos por rexistro os recursos potestativos de reposición contra a resolución da Consellería de Traballo e Benestar do 19 de agosto de 2013 a través do que solicitamos que se admita a trámite o dereito de petición exercitado, se continúe a tramitación polas canles legais oportunas e se dite finalmente resolución pola que se recoñeza o dereito de percibir unha renda básica de 863 euros ao mes, con carácter indefinido.
Vigo, setembro 2013
ODS-Coia e Parroquia Cristo da Victoria