En agosto tamén pasan cousas! As compas do GAS publican o segundo número do Fractura dedicado aos migrantes:
Dende sempre, os seres humanos desprazámonos de xeito natural respostando a diferentes razóns, tanto individuais como colectivas.
No presente, gran parte destes desplazamentos están forzados polo empobrecemento, guerras, represión ou destrución do territorio provocadas pola alianza entre estados, multinacionais e banca na busca de maximización de beneficios característica do sistema capitalista no que vivimos.
Isto, ao mesmo tempo que nos territorios “destino” se reforzan as fronteiras tanto visibles, en forma de muros e vallas, como as invisibles; barreiras ás que se teñen que enfrontar as persoas migrantes de xeito permanete na súa cotidianidade, dende as derivadas do rexeitamento das sociedades de acollida, ata as impostas dende os estados, en forma de lexislacións e trabas burocráticas.
As leis de estranxería, as políticas de fronteiras da Europa Fortaleza, etc, teñen como única finalidade estigmatizar e excluir como persoas con plenos dereitos ás migrantes. Non pretenden impedir por completo a entrada de persoas sen visado ou expulsalas a todas. Moi ao contrario, o que queren é que haxa unha reserva permanente de persoas que non teñan seguridade, que vivan con esa ameaza permanente que facilite a súa mellor explotación sen que reclamen os seus dereitos. Deste xeito, aprovéitase a súa situación para exercer presión sobre as condicións de traballo xerais, coa chantaxe de que hai quen o fai por menos e sen protestar.
Pero ao mesmo tempo, dende os governos que a provocan téntase presentar ás persoas migrantes como as culpables desa situación e do resto dos males da sociedade en xeral.
Porén, sabemos que non son elas quenes roubaron os nosos aforros, quenes se apropian do producto do noso traballo para o seu enriquecemento, ou tentan reducir a nosa calidade de vida a unha situación de esclavitude.
A vía para loitar contra esta trampa que pretende deixar a persoas coma nos fora da sociedade, sinaladas como culpabeis de ser pobres e de consumir a nosa riqueza, é traballar sobre a solidaridade, construir unha sociedade da cooperación e romper eses argumentos falsos que alimentan o racismo e xustifican as agresións.