Esiximos nas portas do Alcampo unha Renda Básica

A Oficina de Dereitos Sociais-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e GAS (Grupo de Axitación Social) organizamos hoxe 16 de maio un acto de rúa ás portas do Hipermercado Alcampo en Coia co obxectivo de denunciar o crecente empobrecemento que sufrimos inxustamente unha gran parte da cidadanía e esixir ás institucións públicas, neste caso Concello e Xunta, que cumpran coa súa obriga de garantir o dereito de todas as persoas a unha vida digna. Trátase do segundo acto destas características que facemos, o primeiro diante dos servizos sociais en Coia, e avisamos que temos forzas para continuar con eles.

O acto se desenvolveu entre as 10:00 e as 13:00 horas cunha mesa informativa sobre a campaña “Vivir con dignidade é un dereito”, coa que pretendemos denunciar a dramática realidade que están a padecer moitas persoas no noso barrio e en toda a cidade a través da presentación masiva dun escrito exercendo o dereito de petición perante a Xunta e o Concello; escrito onde o asinante expón as súas circunstancias económicas e sociais e solicita unha Renda Básica que permita satisfacer con dignidade as súas necesidades básicas.

Durante toda a mañá decenas de persoas se achegaron a interesarse pola iniciativa e a asinar estas follas de denuncia social.

Polo momento, estamos moi satisfeitas co desenvolvemento da campaña, xa que a maiores do elevado número de escritos e sinaturas recollidas estamos a provocar un debate social sobre a falla de recursos nun mundo no que unha minoría enriquécese por riba das nosas posibilidades. Xa sabedes se tes problemas de falla ou insuficiencia de recursos asina a folla de denuncia social e procura compañía para mudar o estado das cousas.

Imaxes do acto: www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157633496256331