Xuño de 2014 era o prazo máximo que a Xunta se fixou como tope para ter publicado o Decreto que desenvolvera a nova Lei de inclusión social de Galicia que trouxo mudanzas na RISGA. Imos camiño dun ano de espera e semella que a Xunta aínda vai tardar en dar resposta a unha desfeita que golpea con dureza ás persoas máis empobrecidas. Mentres seguimos a sufrir a RISGA, que lonxe de ser unha solución para o empobrecemento crecente que padecemos, afóndanos máis na miseria.
Atrasos, contías insuficientes, aplicación/interpretación restritiva da lei, orzamentos raquíticos... son denuncias feitas nos últimos anos ás cales a Xunta responde ben co silencio, ben con medidas propagandísticas que só provocan confusión entre as partes implicadas.
Hai uns meses denunciabamos que, sen termos o Decreto, os nosos dereitos fican gravemente danados. Por unha banda, o non desenvolvemento da lei impide a posta en marcha daqueles aspectos que a priori seríannos máis beneficiosos, e por outra colócanos nunha situación de indefensión/inseguridade ao descoñecer moitos dos criterios que aplica a consellería dirixida por Beatriz Mato para a concesión ou denegación das solicitudes.
Un claro exemplo disto é o complemento de alugamento. Mentres non haxa Decreto, a contía de dito complemento queda recortada. A lei fixa por este concepto até un máximo de 133 €, que polo momento (mentres non se publique o Decreto que desenvolve a lei) só pode chegar aos 53 €.
Á opacidade da Xunta en todo o relacionado coa aplicación da nova regulación da RISGA, hai que sumar en gran medida o descoñecemento dos servizos sociais municipais. No caso do complemento de alugamento provoca que moitas posibles beneficiarias deses cartos fiquen sen eles tan só porque a traballadora social non llo incluíu na solicitude. O proceso é ben sinxelo:
- A traballadora social do concello propón perante a Xunta a inclusión do complemento de alugamento. Apenas riscar cunha “X” nun formulario.
- A beneficiaria ten que ter contrato de alugamento en vigor e a renda abonada ten que representar cando menos o 40% dos seus ingresos mensuais.
- Xunto á valoración da traballadora social a proposta ten que ir acompañada da copia do contrato de alugamento e dos dous últimos xustificantes de pagamento da vivenda.
Por falla de información, non fiques sen dereitos. Pide cite coa traballadora social para que che tramite o complemento de alugamento.
Abril 2015
ODS- Coia