A xente de Irimia quiso achegarse ao noso traballo a través dunha entrevista a Diego para a súa revista. Da súa web extraímos unha explicación sobre a tarefa desta asociación: a "Asociación Irimia" foi fundada en 1978. Desde aquela veu arroupando diversas actividades na liña de promover unha galeguidade cristiá, solidaria cos máis débiles e en diálogo con calquera persoa ou colectivo comprometidos nos mesmos valores.
A entrevista completa:
Continuamos o noso percorrido polo país, traendo a estas páxinas pequenas iniciativas que nacen desde abaixo en tempos de crise e recorte. Nesta ocasión visitamos Coia, en Vigo, onde se desenvolve a actividade da Oficina de Dereitos Sociais, para defender eses logros históricos que marcan a diferenza entre o progreso social e a barbarie neoliberal. Conversamos con Diego Lores.
- Como e cando nace a Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS-Coia)?
Comeza a súa andaina a finais de 2007, cando o despacho da traballadora social que viña funcionando na parroquia do Cristo da Vitoria de Coia pasa a transformarse nun punto de información sobre dereitos sociais.
Tras esta mudanza estaban as vivencias e reflexións que ían xurdindo dos anos de loitas veciñais, de vida comunitaria, de contacto coa dor provocada polos poderes, de relacións con grupos/persoas opostos ao capitalismo…
A nosa referencia nos comezos foi o traballo da xente de Berri-Otxoak, primeiro punto no Estado español e, por suposto de Baladre, coordinación de loitas contra o paro, o empobrecemento e a exclusión social. Na nosa cidade as compañeiras do Grupo de Axitación Social (G.A.S.) e o apoio da comunidade do Cristo da Vitoria foron claves para chegarmos a este momento de tanta actividade compartida.
- Que facedes?
Tentamos ofrecer información alternativa sobre axudas sociais, denunciar e visualizar a dor inflixida e artellar loitas/resistencias dende abaixo por medio do apoio mutuo.
Para isto, estamos as tardes dos luns nos locais da parroquia en Coia para intercambiar información coas persoas que se achegan, nunha lóxica que procura sermos máis fortes á hora de defender as nosas vidas e uns dereitos acosadísimos.
Este traballo, xunto ao de campañas de denuncia, participación en charlas e compartir na rede información sobre axudas sociais, novas, convocatorias, accións… foi no que estivemos ata máis ou menos finais de 2012.
- Como estades a levar estes tempos de crise social?
Sen saber moi ben como, en marzo de 2013 comezamos unha dinámica moi chula. Comezamos cunha rutina de asembleas abertas, cada quince días, os martes, nas que estabamos mesturadas persoas moi machucadas pola escaseza de recursos con outras -as menos- interesadas por isto do social e que desenvolvían principalmente a súa militancia na parroquia e no barrio. Nesta andaina colectiva, posteriormente, incorpóranse outras persoas: da PAH, de movementos sociais, de partidos…
Agora somos unha asemblea moi numerosa e constante, na que atopamos as forzas, os apoios, os afectos e as razóns necesarias para facer fronte ao crecente empobrecemento, en forma de insuficiencia de recursos, cortes de luz ou auga, desafiuzamentos, violencia institucional… Unha rutina que trouxo moita actividade: actos de rúa, xuntanzas (con partidos, sindicatos, responsables políticos, ONG…), festas, formación, elaboración de escritos…
- Que leccións fostes aprendendo e que recomendacións facedes?
Que xuntas temos moitas máis forzasdas que nos fixeron pensar, que recuperar e facer medrar os lazos comunitarios é moi boa estratexia para nos protexer do afogo que temos, que os servizos sociais son cutres e deficientes, que a orixe dos nosos problemas está no capitalismo e que para combatelo non sobra ninguén, que precisamos a renda básica das iguais e moito máis…
Para nós estes meses -malia as nosas contradicións, sufrimentos e tensións- estannos a demostrar que entender a vida dende o apoio mutuo, dende o común, dende a rebelión fronte ao inxusto, trae moita forza e satisfacción.
Rematamos cun berro da xente de Alambique, en Asturias, que facemos tamén noso: “Por riba da súa cobiza está a nosa dignidade”.
---