O 14 de novembro imos de folga na mani que sairá ás 11h30 dende a Praza dos Cabalos con destino á Praza de América.
Baixo o nome de "As Apandadoras" un grupo lanza o seguinte texto:
A Crise é unha estafa...
Porque é a definición de estafa a que mellor explica a situación que estamos a vivir. Porque non é certo que non haxa cartos para a sanidade, educación, salarios ou gasto social e por iso temos que soportar reformas e recortes. Os cartos estan aí, simplemente téñenos outros.
Estáfannos os gobernantes, que actúan co principio de que para salvar a economía hai que salvar primeiro os bancos que a levaron ao desastre. E así, quítannos os cartos vía impostos, retencións e privatizacións de servizos mentres se inxectan millóns en bancos e entidades financeiras e privadas, das que, por suposto, eles/as mesmos/as participan.
Unha situación que se agravará co novo “non-rescate” europeo, toda vez que ―lembremos ―, no 2011 se modificou a “intocábel” constitución para situar o pagamento da débeda como gasto prioritario do estado, por riba de calquera outro como o gasto social.
Estafa dos propios bancos, que seguen acaparando millóns e millóns que nos quitan, tanto a nivel individual coma colectivo alegando a “necesidade de manter a liquidez do sistema”.
Estafa de analistas e institucións académicas que proclamaron as virtudes do libre mercado e da desregulación das finanzas.
Estafa dos grandes capitais, que rendibilizar a situación mediante amnistías fiscais e Sociedades de Investimento de capital variábel, tributando ao 1%.
Estafa de multinacionais e empresarios que nos rouban dereitos laborais coa escusa de manter postos de traballo, mentres aumentan os seus beneficios e, sobre todo, o seu poder sobre nós.
O Capitalismo é un Roubo
Por iso, a estafa da crise non lle é algo alleo, extraordinario ou accidental.
A cerna do capitalismo é precisamente o roubo, a apropiación ̶por parte dunha reducida elite ̶ dos medios necesarios para cubrir as nosas necesidades de alimentación, vivenda, benestar, coñecementos, etc.
Deste xeito, obrígasenos a someternos ás súas leis para sobrevivir. A acceder a todos e cada un dos recursos que precisamos a través da vía do mercado, onde tamén nós mesmas nos temos que vender. Vender xa non só a nosa forza de traballo, senón a nosa dispoñibilidade permanente, o noso tempo todo. En definitiva, a nosa vida e a un prezo cada vez máis baixo.
Ou ben quedar fóra del, engrosando ese remanente de excluídas que son expulsadas cara á pobreza, servindo de presión sobre o mercado de traballo, de cara a que aceptemos unha precariedade, flexibilidade e explotación aínda máis salvaxe ou, senón, quedar sometidas á dependencia de quen teña a “sorte” de entrar nese mercado de escravos/as.
Roubo do noso poder de decisión sobre as nosas vidas a nivel social e individual.
Contra o Capital, Loita Criminal
E este sistema, baseado na estafa e no roubo, que premia e amnistía os que mellor lle serven, é quen criminaliza as persoas pobres, as paradas, as inmigrantes, as enfermas, as vellas; pretende que as culpas da crise e do endebedamento recaian nas máis débiles da sociedade, culpabilizándoas ademais da súa situación.
Aqueles que están a se embolsar e desviar miles de millóns de euros pretenden sinalarnos como “delincuentes” a quen vende DVDs na rúa, a quen rebusca nos contedores, a quen ocupa unha vivenda baleira ou unha terra para traballar, ou a quen expropia comida nun supermercado, ben para asegurar o seu sustento ou para denunciar publicamente a pobreza sistémica como xenocidio encuberto.
Pero sobre todo, criminaliza aos que lle pretenden plantar cara. Estamos vivindo un gravísimo endurecemento do código penal e a creación dun estado de excepción no que ̶̶ coa a máxima de que “todo é terrorismo”̶ se pretende acabar con calquera forma de disidencia política, obreira ou social.
Pero a resposta ante este saqueo, espolio e liquidación de dereitos sociais é inevitábel. Non podemos dedicar os nosos esforzos e sacrificio a manter este sistema criminal que nos explota e oprime por máis tempo.
Vigo, novembro 2012
"as apandadoras"