Crónica da entrega colectiva do Ticket Eléctrico

Preto de medio centenar de persoas xuntámonos esta mañá na Xunta por mor do ticket eléctrico, ao redor da metade eran membros da policía (nacional, autonómica e “secreta”) e gardas de seguridade. A Xunta puxo tamén a disposición das solicitantes catro funcionarias para axudaren coa tramitación ademais de tres ordenadores e un escáner. Todo eran novas a seis días de rematar o prazo.

As presentes entramos no edificio administrativo, e coa axuda do persoal da Xunta realizamos as solicitudes telematicamente, o único modo de facelas. Tantos atrancos para podermos percibir 7,5€/mes durante seis meses (10€/mes no caso de familias numerosas), uns euros que non abondan para pagar unha factura da luz que non para de medrar e menos para familias que como moito ingresen 532€ ao mes. Unha fartura, como lia unha compañeira ao rematar a entrega colectiva diante da entrada da Xunta.

Rematamos o acto esixindo:

- Gratuidade da luz para aquelas persoas con ingresos inferiores ao limiar da pobreza.

- Que a subministración eléctrica sexa recoñecida como un dereito básico para garantir unha vida digna e que, por conseguinte, estea en mans da comunidade e non privatizada en beneficio dos grandes capitais.

---

Manifesto: http://odscoia.arkipelagos.net/content/o-ticket-el%C3%A9ctrico-social-da...

Imaxes: https://www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157649037780208