Un ano máis as compañeiras do Espazo Aberto Antimilitar lanzan a campaña pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares que este ano leva por título: “Eles non o farán, fagámolo nós: Recortemos o Gasto Militar”.
Na web do Espazo podemos ler que a Obxección Fiscal (OF) é un acto de Desobediencia Civil que consiste en, á hora de facer a Declaración da Renda, non pagar ao Estado os cartos que este dedica á guerra e á sua preparación. A OF non supón evadir impostos, senón desviar cara proxectos sociais a cantidade que sería destinada a fins militares.
Aínda que non teñamos a obriga de pagar o IRPF, tod@s pagamos impostos cos que, queramos ou non, se financia o militarismo. Do mesmo modo, a Obxección Fiscal a podemos facer tod@s. E, se non queremos recorrer á OF, aínda podemos reclamar do goberno que o direito a non colaborar cos gastos militares sexa recoñecido e respeitado.
Como todos os anos chaman a atención as cifras do gasto militar no Estado Español onde cada día 50 millóns dos nosos cartos dedícanse á guerra. Isto fixo que no ano 2010 o gasto militar chegara aos 17.217,88 millóns de euros, fronte aos gastados noutros ministerios coma Sanidade: 4.254,00 millóns, Educación: 2.840,58 millóns, Servizos Sociais: 2.515,00 millóns e Cultura: 789,30 millóns.
Pois nada animamos a que obxectedes nas vosas declaracións e a que visitedes a web do Espazo Aberto Antimilitar para ter máis información.