Abaixo o Decreto da Segregación Sanitaria!

O 1 de setembro levantámonos máis pobres e con menos dereitos, xa que a maiores da subida do IvA entraba en vigor o decreto que elimina moitos dos dereitos conquistados en materia de saúde para as persoas migrantes, dende moitos territorios se están a facer actos de rexeitamento e o luns en Compostela temos un organizado pola CUT.

Onte entrou en vigor o RD 16/2012 que amputa o dereito á saúde das persoas migrantes en situación irregular, instaurando a segregación e o apartheid sanitario no sistema público de saúde.

Aínda que a Conselleria de Sanidade e Feijóo anunciasen a “bombo e platillo” a posta en marcha dun programa para poñer solución ao problema da atención sanitaria aos “sen papéis”, todo parece indicar que se trata de máis un apaño eleitoralista e demagóxico, anunciado ao calor da convocatória das eleccións galegas, e que non afonda na garantía do fundamental dereito á sáude e na blindaxe do sistema público perante o avanzo do desmantelamento e privatización do mesmo.

Na “solución” do SERGAS segue a imperar a obrigatoriedade dun tempo mínimo de empadroamento de 183 días e a necesidade de presentar documentos para acreditar non dispoñer de recursos económicos nen aquí nen no país de orixe.

As persoas estranxeiras que non poidan acreditar que dispoem de rendas inferiores a ese teito (correspondente a 6.390,13 euros, cifra que se sitúa moi por abaixo da liña de pobreza segundo o Instituto Galego de Estatística – apesar de que a lexislación da miseria é marca rexistrada do goberno da ultradereita - acabamos de velo na regulación da prestación dos 400 euros do Plan Prepara) van etr que contratar un “convenio especial” cuxo coste oscilará entre 710 e 1.864 euros (para maiores de 65 anos). Evidentemente, trátase dunha suma de diñeiro inasumíbel na situación de precariedade na que estamos vivindo moitas, e máis aínda para o colectivo inmigrante, debido as condicións laborais a que se ve sometido. O resultado será a colocación da saúde das nosas veciñas e veciños, dun sector da comunidade, en grave risco.

A día de hoxe, mesmo os supostos mínimos que teñen garantida a cobertura sanitaria, como é o caso de mulleres embarazadas, están a ser incumpridos polo SERGAS, como veñen denunciando o Foro Galego de Inmigración e Médicos do Mundo.

Desde a CUT estamos a desenvolver unha campaña frontal de denuncia e rexeitamento deste Decreto da Segregación Sanitaria e estaremos colocando os nosos recursos, os nosos corpos e a nosa militancia ao servizo desta causa, pois non permitiremos que ningunha traballadora ou traballador, veña de onde veña e con independencia da situación de precariedade vital ou laboral na que se atope, véxase excluido do dereito á saúde e á atención sanitaria.

Por iso, este luns día 03 de setembro estaremos desenvolvendo un programa de mobilización no Centro de Saúde Concepción Arenal en Compostela e gostaríamos de contar co voso apoio.

12:30hs Acto público

16:30hs Mesa rendonda “Apartheid sanitario e políticas migratorias”

Miguel Fernández (Foro Galego da Inmigración), Eduardo Romero (Colectivo Cambalache, Oviedo- Asturies) e Ana Mateo (Médicos do Mundo)

20:00hs Concentración contra o Decreto da Segregación Sanitaria

Ningunha persoa é ilegal, atención sanitaria universal!