A Asemblea Aberta de Coia convoca de urxencia unha contrentración esta tarde na rotonda de Coia baixo o lema: Esiximos derereitos sociais non obras faraónicas. Será ás 19:00 na rotonda.
As obras na rotonda van a toda velocidade, semella que Abel Caballero quere telas finalizadas antes do 31 de marzo, data a partir da cal non pode realizar actos de campaña debido á proximidade das eleccións municipais.
Como ven facendo en todo o conflito da rotonda, o goberno municipal pon todos os medios que ten na man -incluso algúns de dubidoso acomodo legal- para levar os seus plans adiante. Iso si, a factura a pagamos todas. Da igual que o gasto sexa motivado pola presenza policial (24 horas desde hai meses) ou por operarios da contrata de mantemento que traballan día e noite para rematar as obras de acondicionamento da rotonda.
Fronte a esta morea de cartos para unha obra faraónica está a esmola que deixan, malia as mentiras e a propaganda, para o departamento de Benestar Social e, en xeral, para as políticas sociais.
Ás denuncias de colectivos sociais e de persoas que sofren a pobreza, sumáronse recentemente as traballadoras dos servizos sociais que falan dun departamento “colapsado”. Por se non abondaba con este clamor o Valedor do Pobo acaba de denunciar o mal funcionamentos dos servizos sociais en Vigo no seu último informe. Algunhas das denuncias son:
- Atrasos na tramitación de prestacións sociais como a RISGA.
- Incumprimento da legalidade en materia de prazos e criterios de concesión de axudas sociais.
- Cadro de persoal insuficiente.
- Privatización de servizos: albergue, programa de intervención familiar, axuda no fogar...
Por todo isto volvemos hoxe á rotonda, para rexeitar a este “malgoberno” e a desfeita dunhas políticas que afondan máis na desigualdade e na inxustiza, ao favorecer os intereses dunha minoría que olla impasible como cada día máis veciñas sofren a violencia de non chegar a fin de mes coas necesidades mínimas cubertas.
NON PODE SER OS CARTOS NA ROTONDA E A XENTE SEN COMER!